Máis de 40 nenos e nenas participaron no II Campus Total Tenis

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Foto de familia do II Campus Total Tenis.

Este venres clausurouse o II Campus Total Tenis, organizado polo Club de Tenis Gondomar, e que se desenvolveu desde o pasado 3 de xullo de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos.

Ao longo das dúas semanas os máis de 40 participantes recibiron un pequeno clinic sobre quecementos e estiramentos orientados ao tenis impartido por Miguel de Garabullo Fisioterapia, gozaron dun día de praia con traballo físico e dunha sesión de zumba con Pili de Bambú Nigrán.

O xoves recibiron a visita do alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, cos que se fixeron a foto de familia, e o venres contaron coa presenza de Óscar, adestrador da Sociedade Atlética Val Miñor, que lles falou sobre a preparación física no tenis, e Manuel Santomé Sequeiros, actual número 1 do ránking galego, con quen puideron pelotear os mozos e mozas.

Para pechar o II Campus Total Tenis, no que este ano como novidade incorporouse o inglés, os pequenos puideron gozar da festa da auga.

Anuncios