Esta pasada semana disputáronse en Almería os Campionatos de España de todas as categorías nos que a Agrupación Deportiva Vincios de Tenis de Mesa participou en infantil, xuvenil, sub-23 e absolutos e na Copa do Rei, obtendo dúas medallas, unha de ouro e outra de bronce.
Os resultados máis destacados foron o bronce individual que conseguiu Moisés Álvarez en sub-23 e o ouro que este mesmo xogador logrou na proba de dobres sub-23 xunto co xogador Javier Benito do Club San Xoán de Ferrol.
O resto da expedición pasou na maior parte dos casos ao cadro final das súas categorías chegando a cuartos de final en dobres sub-23 femininos e obtendo resultados magníficos como a vitoria da infantil Luisa Pintos sobre a número 2 do ránking nacional Emma Ruíz. Na Copa do Rei acadouse un satisfactorio noveno posto.
Participaron nestes campionatos disputados no Pavillón dos Xogos do Mediterráneo de Almería arredor de dous mil xogadores e xogadoras de todas as comunidades. Con esta competición ponse broche final á tempada 2016-17 onde o club gondomareño se consolidou na máxima categoría masculina do tenis de mesa.





