Anuncios
Ticker de novas

Baiona acollerá un dos nove concertos da décima edición de Espazos Sonoros

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Presentación de Espazos Sonoros.

O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que xa pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e www.espazossonoros.org.

Esta mañá presentouse o cartel do ciclo, no que se dan cita artistas e grupos galegos e internacionais. A música antiga da recoñecida Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017.

O día 15 de outubro, na igrexa de Santa María de Baiona, a música antiga será a protagonista do concerto de clausura do ciclo, a cargo da Austrian Baroque Company, unha formación de cámara vienesa de renome internacional especializada na interpretación de música instrumental e vocal europea dos séculos XVI a XVIII.

Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas, a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org.

PROGRAMA ESPAZOS SONOROS 2017

Anuncios