Anuncios
Ticker de novas

As visitas gratuítas de verán da Asociación Costa dos Castros empezan este venres

FOTO: COSTA DOS CASTROS // Petróglifos de Auga dos Cebros.

A Asociación Costa dos Castros comeza este venres a tempada de visitas guiadas gratuítas, que organiza co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio de Oia e, ao mesmo tempo, fomentar o turismo cultural na zona.

A programación de verán empezará o venres 14 de xullo cunha visita á Cabeciña ás 12.00 horas e outra nocturna, ás 22.30 horas. Trátase de dúas propostas complementarias, pois os contidos do percorrido diúrno son diferentes aos da noite.

As visitas guiadas desenvolveranse ata o 15 de setembro e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos e de valor histórico do municipio de Oia. A partir do 14 de xullo, os xoves e os venres ás 12.00 horas haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos, tamén ás 12.00 horas, a ruta será polo barrio do Arrabal, nas proximidades do Mosteiro de Oia.

Visitas nocturnas, previa inscrición

Como complemento a estas actividades diúrnas, nas noites dos venres haberá visitas guiadas aos petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados pola noite a proposta consistirá en descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas saídas nocturnas serán ás 22.30 horas.

As visitas, organizadas por Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra, teñen carácter gratuíto. No caso das nocturnas as prazas son limitadas, polo que cómpre facer a reserva no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com. Para as que se desenvolven durante o día non é necesario inscribirse.

Anuncios