Álex Diz, xogador do Santiago Futsal, estará no campus de Baiona

Continúan os Campus Deportivos de Baiona. A próxima semana, desde o luns 17 ata o venres 21 de xullo, chega a quenda para o Fútbol sala, organizado un ano máis polo club Baíña F.S., co patrocinio de “La Caixa”.

Baixo a dirección do coordinador do club, Santiago Rodríguez, (Adestrador Nacional nivel III), e impartido por monitores titulados de gran nivel, está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos. Ten como obxectivo promover este apaixonante deporte, buscando que o gocen a maior cantidade de nenos posible, nun ambiente de compañeirismo e diversión, e como non, aprendendo as características principais do fútbol sala.

O Campus contará con moitas actividades extra, como un obradoiro de inglés onde se divertirán aprendendo mediante xogos, excursións á praia… Ademais, contará coa presenza de varios invitados especiais, como adestradores de porteiros como Martín López, adestrador do Palma Futsal de primeira división, Manuel Cossio adestrador de segunda B e coa visita de Álex Diz, xogador do Santiago Futsal.

Formado na canteira do Azkar Lugo, Diz recalou fai dúas campañas no equipo da capital galega e nos últimos anos xunto ao seu irmán Antonio é un dos puntais do Santiago Futsal.

Esta semana finaliza o prazo de inscrición. Máis información no Pavillón de Baiona ou no teléfono do Baíña FS 722 393 182.