UCN reprocha ao goberno local a demora na presentación dos orzamentos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, reprocha ao alcalde Juan González o presentar á oposición o borrador do orzamento para 2017 con tanta demora, superados xa máis de seis meses do exercicio, que no mellor dos casos -de aprobarse no pleno de xullo-, e no suposto de presentarse reclamacións, non entraría en vigor ata o mes de outubro, o que fai practicamente imposible a súa execución en apenas tres meses, máxime tendo en conta que o pasado exercicio 2016 no capítulo de Investimentos, apenas se executou o 18% do total orzado e aprobado no mes de marzo de 2016.

UCN considera un despropósito presentar agora uns orzamentos para acordar sen apenas marxe de tempo para executalos, cando o normal sería estar a negociar para aprobar en prazo o orzamento do ano 2018, que informado pola Intervención deberá someterse á aprobación do Pleno antes do 15 de outubro, de acordo co art. 168.4 da Lei 2/2004, do 5 de marzo. Ademais, tampouco existe marxe para a negociación xa que 1.290.242€ a que ascenden o capítulo de investimentos, está todo xa cociñado.

Por unha banda os preto de 600.000€ procedentes do Plan Concellos da Deputación, nin tan sequera foron acordados no seu momento coa oposición, polo que agora nada hai que facer. O mesmo sucede cos 670.000€ de fondos municipais, que algunhas obras xa están comprometidas e outras son incorporación das non executadas no pasado exercicio, ademais inclúense 7.000€ para a compra de chalecos antibalas e pistolas para a policía local coa que non está de acordo UCN, nin tampouco coa militarización do corpo. “Trátase unicamente de bendicir as decisións adoptadas polo goberno local, e un paripé ao que UCN non vai prestarse”, sinala Fernández Comesaña.

UCN considera por unha banda positivo que o PSOE gobernando en minoría tente acordar -porque non ten máis remedio-, e buscar os apoios necesarios para sacar adiante a aprobación das contas, pero con todo, resulta que despois nada se fai para cumprir cos compromisos adquiridos. Basta lembrar que ano e medio despois aínda non se contratou a redacción do proxecto de urbanización do Camiño Vello-Nigrán (coa preocupación veciñal), nin tampouco as auditorías de xestión dos servizos privatizados de saneamento e abastecemento de auga; limpeza de edificios públicos; mantemento de zonas verdes e servizo de axuda a domicilio, todos eles compromisos adquiridos con UCN para o apoio ao orzamento do ano 2016 e expresamente asumidos polo alcalde Juan González, que aínda que é certo, mostra boa vontade pero escasa capacidade de xestión.

Fernández Comesaña, suxire ao alcalde que se de verdade está disposto a acordar coa oposición, presente as contas para o ano 2018 e traballar xuntos para aprobalas en prazo, “só así se poderá ver a capacidade do goberno local para pactar e logo cumprir o acordado”.

Anuncios