A VII edición da travesía a nado Costa Serena reunirá a preto de 500 nadadores en Nigrán

Preto de 500 nadadores de 9 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, País Vasco, Navarra, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid, Canarias e Aragón) e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 69 anos, participarán este domingo na VII edición da travesía a nado Costa Serena, en Nigrán. Esta travesía consolídase como unha das probas de natación máis importantes de Galicia.

Entre os participantes inscritos destaca a presenza do portugués Hugo Ribeiro, que está na elite da natación a nivel europeo, varios deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra como os triatletas Antonio Serrat, Luis Miguel Velásquez, Joselyn Brea, Iago Lorenzo e Francisco Fernández Moldes, acompañados polo seu adestrador, Omar González, e o ourensán Marcos Vila, gañador da pasada edición.

A travesía constará de dous percorridos, que serán cronometrados por chip. O percorrido longo de 4.000 metros, no que participarán máis de 300 nadadores, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle central de embarcacións. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido curto, cunha distancia de 800 metros, disputarase en paralelo á costa e contará coa participación de preto de 100 nadadores. A saída será no mesmo punto que a proba principal.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 11:45 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil, kaiaks e paddle surf.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia con máis de 50 nenos con idades comprendidas entre os 5 e 13 anos, que se disputarán moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros). Todos os nenos que queiran inscribirse o mesmo día da travesía poderán facelo entre as 09:00 e 11:00 horas en Marina Estelas Panxón.

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Powerade, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Centro Comercial da Ramallosa, Arena, Decathlon Vigo, Froitas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Nutriexper, Restaurante Los Abetos, Footplus e Rosquillas Cristaleiro, entre outros.

Colaboración coa Asociación Síndrome Williams de Galicia

Este ano, a organización colaborará coa Asociación Síndrome Williams de Galicia coa participación dunha vintena de membros deste colectivo, entre familiares e nenos afectados por esta enfermidade de orixe xenética, que nadarán na proba de 50 metros. Esta doenza afecta a unha de cada 10.000 persoas e na Comunidade galega hai preto de 250 casos diagnosticados. Tamén participarán na entrega dos trofeos aos gañadores.

50 premios

En total entregaranse 50 premios. Na proba de 800 metros, daranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, daranse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

A entrega de premios será a partir das 14:30 horas en Marina Estelas Panxón coa participación do alcalde e o concelleiro de Deportes de Nigrán, Juan Rodríguez e Luis Sanromán, respectivamente.