Anuncios
Ticker de novas

Máis de 200 alumnos do Humberto Juanes participan nunha charla sobre a travesía a nado Costa Serena

Máis de 200 alumnos do colexio Humberto Juanes de Nigrán, con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos, participaron nunha charla ofrecida por membros da organización da VIII edición da Travesía a nado Costa Serena-Nigrán, que se celebrará o 8 de xullo en Praia América. Esta proba é unha das travesías con maior participación de toda Galicia e espera reunir a preto de 500 nadadores procedentes de todo o noroeste peninsular. Durante a charla, impartida por Beatriz Alvariño, Eugenio Fuentes e Manuel de Castro, acompañados polo concelleiro de Educación e Deportes do Concello de Nigrán, José Luis Sanromán, explicáronse as dúas probas infantís que se disputarán de 50 metros para nenos entre 5 e 8 anos e de 150 metros para nenos entre 9 e 13 anos. Ambas as probas celebraranse moi preto da beira e estarán controladas en todo momento por membros da organización.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, lentes, avituallamento, un vale desconto para a compra de material deportivo en Decathlon Vigo, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes, un aperitivo e un xeado. A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Centro Juan María, Powerade, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Náutico de Panxón, Arena, Decathlon Vigo, Frutas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo e Rosquillas Cristaleiro, entre outros.

As inscricións poderán realizarse ata o 3 de xullo ás 12:00 horas a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaerena.es. Este ano como novidade incorporarase un novo percorrido de 2.700 metros, que se suma aos de 800 e 4.000 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 400 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal. O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao punto de meta polo lado dereito. Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros. A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:45 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil e kaiaks seguindo a proba.

Premios

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será no Marina Estelas, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte (https: www.championchipnorte.com) ata o 3 de xullo ás 12:00 horas.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 21 euros, 19 euros a de 2.700 metros e 17 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo no Marina Estelas, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

Anuncios