Nova alameda, glorieta e carril-bici para abrir Baiona ao mar

Baiona contará antes de que finalice o ano cunha nova alameda e unha glorieta no principal acceso por estrada á Vila. Xunta de Galicia e Concello presentaron este xoves o deseño do novo proxecto que facilitará a mobilidade de vehículos na entrada do Porto Pesqueiro.

“Pretendemos reordenar a zona para abrir Baiona ao mar, deseñamos unha alameda de 500 metros cadrados onde ata agora era un punto negro de colectores, ampliaremos o carril-bici ata Alfonso IX e trasladamos o paso de cebra ata darlle a saída natural aos peóns directamente á praza de Mendoza”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal, durante a presentación na que estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na área territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves.

A primeira fase das obras sufragadas pola Xunta están xa finalizadas despois de que durante o último mes e medio se levara a cabo a mellora do firme da calzada, a instalación de novos estacionamentos en toda a fronte marítima, así como medidas de seguridade para o tráfico.

O alcalde explicou os traballos finalizados esta semana e avanzou as obras que comezarán no mes de outubro, cun prazo de execución de dous meses para estar finalizadas antes do Nadal. Nunha terceira fase levarase a cabo a ampliación do carril-bici.

“Garantimos unha bolsa de aparcamentos máis grande na zona e facilitamos a mobilidade tanto dos vehículos que saen do porto como os que queren cambiar de sentido en dirección A Guarda”, sinalou Rodal para aclarar que as prazas de párking que ata agora están xunto á lonxa pasan á estrada principal.

As obras, adxudicadas o pasado mes de marzo e que suporán unha mellora da seguridade viaria desta zona, contemplan un investimento de máis de 400.000 euros neste proxecto que inclúe, ademais da recuperación do firme, a execución dunha nova glorieta e o ensanche da plataforma, reservando unha zona a parada de taxis e bus.

Co fin de non interferir na tempada estival, acordouse deixar para outubro, por petición expresa do Concello de Baiona, unha segunda fase de intervención que contempla a execución dunha nova glorieta. Esta actuación mellorará notablemente as manobras de acceso e saída ás instalacións da lonxa e do Porto Deportivo de Baiona, desde a estrada autonómica, ademais de acadar unha reordenación do tráfico na travesía ao permitir realizar a manobra de cambio de sentido con total seguridade.

“Conseguimos un obxectivo fundamental, o de mellorar a mobilidade, de vehículos e peóns, ao tempo que melloramos a imaxe dunha vila que é unha referencia turística nacional”, apuntou o delegado da Xunta en Vigo, ao tempo que acentuou a insistencia do alcalde no proxecto, reivindicando melloras para una zona cun importante problema de tráfico. Ao fío, López-Chaves no deixou pasar a oportunidade de agradecer ao alcalde a súa colaboración e reivindicou o cumprimento dos prazos e compromisos adquiridos pola Administración autonómica.

No encontro con varios colectivos, do gremio de taxistas, comerciantes e empresarios, e membros da confraría de pescadores de Baiona, en presenza do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas, José Luis Díez, o director da obra, Fausto Núñez, explicou os pormenores dunha actuación que o Goberno galego enmarca no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións co fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE MELLORA DA PO-552 EN BAIONA
FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Fausto Díaz, José Luis Núñez, Ignacio López-Chaves e Ángel Rodal, este xoves, durante a presentación do proxecto.