Pepe Casal, o que fora preparador físico de Pau Gasol, asistirá ao campus do CB Nigrán

Pepe Casal confirmou a súa asistencia ao campus de baloncesto que o CB Nigrán desenvolverá durante a próxima semana no Pavillón Municipal de Panxón para impartir unha sesión de coordinación e velocidade aos nenos e nenas que participan no mesmo.

Pepe Casal é unha figura importante dentro do baloncesto nacional, foi xogador do CAB Obradoiro en Santiago de Compostela e á súa retirada dedicouse ao campo da preparación deportiva. Deste xeito, nos anos setenta foi o adestrador do equipo español na mocidade e categorías inferiores. Máis tarde ascendido ao primeiro equipo, baixo as ordes do adestrador Antonio Díaz Miguel. En 1990 Aíto García Reneses encargoulle a preparación física da canteira do FC Barcelona, onde se converteu no adestrador persoal de Pau Gasol.

Ademais de Pepe Casal, ao campus asistirán adestradores nacionais de baloncesto con ampla experiencia como Esther Muñiz, e profesores e monitores titulados que realizarán diferentes actividades, algunhas delas impartidas en inglés.

As inscricións para o campus poden realizarse ao longo de toda esta semana na oficina de turismo de Nigrán. Aquelas persoas interesadas poden poñerse en contacto co club a través do correo c.baloncestonigran@gmail.com.