Brais Gómez acode este fin de semana ao Campionato de España de Idade Escolar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Recepción no Concello de Baiona a Andrea Pais e Brais Gómez.

Desde este venres e ata o domingo Ávila acolle os Campionatos de España de ciclismo de Idade Escolar. A esta cita, na que se disputan probas tanto de estrada como de BTT, a Selección de Galicia desprazará a 26 corredores de categoría infantil e cadete. A referencia para o combinado autonómico son as catro medallas acadadas o pasado ano en Mérida.

Os representantes cadetes en estrada serán o baionés Brais Gómez (Ponteareas), Diego Rodríguez (Cambre – Caeiro), Rubén Durán (Carballo), Daniel Sanín (Compostelano) e Miguel Ángel Mera (Cortizo – Anova), mentres que as rapazas convocadas para esta disciplina son Antía Crende (Cidade de Lugo – Esturión), Paula Faraldo (Vigués – Autronic), Uxía Rey (Redondela), Carla Fernández e Ana Belén Domínguez, ambas do Marín – Ottoman.

En canto aos infantís, Rubén Fandiño (Compostelano), Miguel Rodríguez (Ponteareas), Breogán Diz e Martín González, os dous do Academia Postal – Actyon- MMR, estarán nas probas infantís masculinas, e Aroa Mediavilla (Cambre – Caeiro), Carla Montoiro (Negreira), Laura Teniente (Cortizo – Anova) e Claudia García (Redondela) participarán nas femininas.

Para as carreiras de BTT os citados son os cadetes Roi López (Compostelano), Jorge Fernández (Coruxo), Carlos Canal e Marco Nube Lema, os dous do Academia Postal – Actyon – MMR, e as cadetes Andrea García (Cambre Caeiro), Noela Saa, Antía Martínez e Aida González, as tres do Academia Postal – Actyon – MMR.

A xornada do venres dedicarase tanto ás contrarreloxos por equipos e individuais de cadetes homes e mulleres, desde as 16:30 e todas elas sobre a mesma distancia de 6,7 quilómetros, como ás probas en liña infantís, que se desenvolverán a continuación (18:30), sobre 16,1 quilómetros para as mulleres e 20,7 para os homes.

O sábado será o momento para as probas de BTT para cadetes, a partir das 9:00 as mozas e das 10:15 os homes, co que a temperatura non causará os problemas do ano pasado en Mérida, para terminar a mañá coas gynkanas infantís, a partir das 12:00, quedando libre a tarde.

Finalmente o domingo terminarase coas probas en liña, para cadetes mulleres (9:00), sobre 42,4 kms. e homes (11:00), sobre 59 kms.