
Centos de persoas asistiron este luns á concentración convocada polo Concello de Baiona en repulsa do crime machista de Beatriz Lijó Gesteira. Estiveron presentes os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Carlos Gómez, Paco Ferreira e Juan González, concelleiros dos tres municipios, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a delaga da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.
Gardouse un minuto de silencio en memoria da vítima, veciña de Baiona, presuntamente asasinada pola súa ex parella na noite deste domingo. Foi ao redor das 21:30 horas cando os veciños do número catro da rúa San Roque, no barrio da Percibilleira, deron a voz de alarma polo achado do corpo dunha muller con signos de violencia na zona de acceso a unha vivenda. A Garda Civil iniciou entón as pescudas, que apuntaban a un caso de violencia de xénero, e a procura da ex parella da muller.
Axentes da Policía Nacional detiñan sobre as 9:00 desta mañá á ex parella da muller de 47 anos, avogada de profesión, e que presentaba un forte golpe na cabeza e feridas asestadas cun machete, nun presunto crime de violencia machista. O agora detido, Ángel Rodríguez Dacosta, profesor de matemáticas no instituto Pedro Floriani de Redondela, entregouse voluntariamente na Comisaría de Ourense. Por protocolo, a Policía Nacional trasladouno a un centro médico para ser conducido despois á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Os feitos sucederon, ao parecer, cando a ex parella da muller acudiu ao domicilio para devolver aos dous fillos menores, cos que pasara a fin de semana. Foi nese momento cando, presuntamente, cometeu o crime diante dos nenos de 7 e 9 anos. Posteriormente, o home levou aos menores a casa dos seus avós paternos, e deuse á fuga. A vítima e o detido estaban divorciados e tiñan conflito xudicial e denuncias mutuas interpostas pola custodia dos nenos.
Tres días de loito oficial
Os Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán decretaron tres días de loito oficial na súa memoria. Ademais, as bandeiras ondean a medio mastro en sinal de duelo. Os Concellos de Gondomar e Nigrán tamén convocaron mañá martes 7 de febreiro aos veciños para gardar un minuto de silencio, ás 12:00 e ás 10:00 horas antes os seus respectivos consistorios.