As mozas mandan na Final da Liga Social Baitra do Monte Real

FOTO: ROSANA CALVO // Helena Molares e Emma Arana van primeiras en 420 na Final da Liga Social Baitra.

Claro protagonismo feminino na primeira xornada da Final da Liga Social Baitra, que se disputa este fin de semana en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Baitra Accesorios Navales.

O equipo formado por Helena Molares e Emma Arana, ambas as dúas de 16 anos, mostrouse imbatible na competición da clase 420, na que fixeron pleno. Moi compenetradas na auga, Molares e Arana lograron catro primeiros postos nas catro probas celebradas esta tarde en augas da baía.

Colócanse así na cabeza dunha clase na que tamén tiveron unha actuación moi destacada os irmáns Yago e Jorge González. A pesar de non poder superar ás mozas, conseguiron asinar catro segundos postos e ostentan a prata provisional. Xesús Marcote e Carlos Trapero ocupan a terceira posición a falta das últimas mangas que se celebrarán mañá.

Para os Optimist, que tamén competiron hoxe en Baiona cos 420, o comité de regata deu saída a outras catro probas que, a pesar de celebrarse no mesmo campo, tiveron un deseño diferente, cun percorrido menor. Foron varios tramos entre boias nos que Laura Cao, de 13 anos, obtivo os mellores resultados. Con dous primeiros postos, un segundo e un terceiro, colocouse líder da clase, seguida de María Carneiro e Ignacio Salgueiro, que van segunda e terceiro respectivamente.

Na clase Optimist Escola o vencedor da xornada foi Sergio Golpe, de 12 anos, que a pesar de empezar a xornada algo frouxo, foi collendo ritmo aos poucos e nas dúas últimas mangas colocouse por diante de todos os seus rivais. O vento do noroeste, que sopro cunha media de 13 nós e picos de máis de 15, complicou a navegación dos máis pequenos, para os que o comité de regata decidiu finalmente reducir o número de probas.

Os regatistas desta Final da Liga Social Baitra sairán mañá domingo ao auga a partir das once da mañá para disputarse as últimas probas da competición. Aínda que a meteoroloxía anuncia condicións algo máis frouxas de vento, a organización espera poder celebrar polo menos outras dúas mangas para cada clase.

Mañá tamén volverán saír á auga os alumnos de iniciación da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates, que este sábado viviron con gran emoción a súa primeira experiencia nunha competición.

Unha vez finalizada a xornada regateira, as instalacións do Monte Real Club de Yates acollerán a entrega de premios aos gañadores, na que non se premiará unicamente aos mellores desta final, senón aos regatistas máis destacados de todas as probas disputadas ao longo do ano na Liga Social do MRCYB. Encabezan esas clasificacións Rosalía Martínez e Sandra Trigo en 420 e Nacho Salgueiro en Optimist.

CLASIFICACION FINAL LIGA SOCIAL BAITRA TRAS A 1ª XORNADA DE PROBAS

420
1. Helena Molares y Emma Arana
2. Yago González y Jorge González
3. Xesús Marcote y Carlos Trapero

OPTIMIST
1. Laura Cao
2. María Carneiro
3. Ignacio Salgueiro

ESCOLA
1. Sergio Golpe
2. Henrique Fernández
3. Pablo Rodríguez

Anuncios