130 riders disputaranse na Serra do Galiñeiro o Campionato de Galicia de Enduro

Este domingo, 2 de xullo, a atención do BTT galego estará centrada en Gondomar. O C.C. +Enduro MTB, coa colaboración do clube MR Bikes e o Concello de Gondomar, organiza o Campionato de Galicia Enduro – Serra do Galiñeiro. O campo de fútbol de Vincios será o punto neurálxico desta competición na que o primeiro dos 130 riders inscritos tomará a saída ás 08:30 horas.

No percorrido por Gondomar e Vigo, os participantes atravesarán terreos das comunidades de montes de Vincios, Chaín, Morgadáns e Zamáns. A proba constará de cinco treitos de enlace (TE) con tempos pechados e cinco parciais cronometrados (TC) individuais. Os TC terán un perfil descendente con pequenos treitos de pedaleo. A suma de todos os TC e TE dará unha distancia aproximada de 30 quilométros e un desnivel positivo estimado de 1200 metros.

Como defensores das coroas obtidas o pasado ano en Moaña preséntanse Rubén Rodríguez e Desiree Duarte en elites, Brais Boullosa nos sub23, Francisco Serantes nos juniors, Tony Pérez nos masters-30, Marcos Ríos nos masters-40 e Carlos Táboas nos masters-50.