O Club Ciclista Rías Baixas adxudicouse a Volta a Segovia con Willem Jakobus

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Por primeira vez en cinco tempadas competindo no pelotón Elite e Sub23, o Club Ciclista Rías Baixas impúxose na clasificación xeral final dunha rolda por etapas celebrada fóra de Galicia. Este éxito da entidade presidida por José Luis Chamorro logrouno Willem Jakobus Smit na 55ª Volta a Segovia. O surafricano selou a súa vitoria respondendo aos innumerables ataques dos seus principais rivais na última xornada e asinando o segundo posto na liña de meta tras non disputarlle o triunfo a Mauricio Moreira (Caja Rural).

Coa presenza de Pedro Delgado no corte de cinta, a terceira e definitiva etapa arrancou á beira do acueducto segoviano. O percorrido de 126 quilómetros, con saída e chegada na capital provincial, presentaba tres ascensións ao Alto da Piedade, de 3ª categoría. O forte vento acompañou aos corredores, unha circunstancia que os adversarios de Willem Jakobus tentaron aproveitar para arrebatarlle a camisola que se enfundara a xornada anterior.

Contando co sensacional traballo dos seus dous compañeiros de equipo Jon Ander Tomei e Jaime Guzmán, que se baleiraron en favor do seu líder, o pupilo de Marcos Serrano defendeuse con solvencia e deu a estocada definitiva á volta marchándose xunto a Moreira no desenlace da etapa. O uruguaio do Caja Rural apuntouse a vitoria parcial cun tempo de 3:01:25 e á súa roda entrou cos brazos no alto Willem Jakobus festexando o triunfo na xeral. A 9’’ dos dous primeiros finalizou Miquel Faus (Escribano) e a continuación fixérono Jesús Montero (Bicicletas Rodríguez) e Gonzalo Serrano (Caja Rural).

No podio final desta rolda o representante do conxunto do Val Miñor estivo escoltado por Serrano, ao que avantaxou en 30’’, e por Moreira, que ocupou a terceira praza a 41’’. Ademais, o surafricano tamén obtivo a camisola da clasificación da Regularidade.

Willem Jakobus, de 24 anos, é a última incorporación da directiva que preside José Luis Chamorro e desde a súa chegada a este club, a principios de xuño, non deixou de acumular éxitos. Anteriormente xa vencera na Volta ao Ribeiro e no Trofeo San Juan e San Pedro, carreiras que do mesmo xeito que a Volta a Segovia son puntuables para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.