Catro ilustradoras debuxan o Camiño da Costa

As dúas ilustradoras portuguesas, Fernanda Lamelas e Teresa Ruivo, que o luns partiron de Porto para facer e para debuxar o Camiño Portugués da Costa chegarán mañá a Camiña onde rematará o seu percorrido. A partir de aí serán Blanca Escrigas e Isabell Seidel as que dende mañá percorran e debuxen o treito galego que resta até Santiago, a onde chegarán o mércores 5. O venres está previsto que debuxen pola mañá en A Guarda e pola tarde en Oia. O sábado farano en Nigrán para chegar pola tarde a Vigo.

As ilustradoras portuguesas destacan a variedade de paisaxes e contornas que están a descubrir na rexión norte de Portugal. O que sumado ao cambiante clima destes días, nos que a ratos sae o sol, a ratos aparece a néboa ou incluso chove, estalles a procurar posibilidades moi diversas á hora de expoñer os debuxos cos que están a conformar o seu caderno de viaxe.

Fernanda Lamelas e Teresa Ruivo subliñan tamén a enorme riqueza cultural deste tramo do Camiño da Costa, o último que ten sido recoñecido oficialmente. E amosan a súa sorpresa polo notable coñecemento que as xentes do lugar teñen do mesmo. “Está bastante ben sinalizado pero alí onte temos dúbidas axúdannos os paisanos coas súas indicacións porque o coñecen perfectamente”, comentan.

CAMIÑA/CAMIÑO

“Camiña/Camiño. Catro ilustradoras no Camiño da Costa: De Porto a Santiago” é un proxecto de El Patito Editorial desenvolto en colaboración co Concello de Santiago e a Axencia de Turismo de Galicia que pretende, por unha banda dar a coñecer desde o punto de vista cultural a ruta do Camiño portugués pola Costa (recoñecido oficialmente como Ruta de Peregrinación a Compostela) e, pola outra, dar visibilidade ás mulleres no mundo da ilustración, unha disciplina máis da arte, no que as debuxantes seguen estando en desvantaxe a pesar de ser, a día de hoxe, maioría.