Anuncios
Ticker de novas

O encoro de Baíña atópase ao 93% da súa ocupación total

Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, administrados por Augas de Galicia, atópanse ao 72,92% da súa capacidade total. Concretamente, os de abastecemento, ao 93,7%, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 70,80%. Así se recolle no último informe no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia- Costa, recollidos o 26 de xuño, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia- Costa contan cun volume total de 503,23 Hm3, dos 690,15 (volume total).

Todos os embalses de abastecemento presentan unha porcentaxe de ocupación por enriba do 90%, agás o de Cecebre, ao 89,36%, e o de Vilagarcía, ao 41%. O encoro de Pontillón de Castro é o que presenta a maior porcentaxe de ocupación, cun 98,94%.

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o encoro do Eume é o que presenta o maior volume de ocupación, cun 90,41%.

Comparando a situación actual cos niveis que se rexistraban o pasado ano, o volume dos encoros sitúase 16 puntos por debaixo, xa que o 26 de xuño de 2016 estaban ao 89,14%, fronte ao 72,92% actual.

Na páxina web de Augas de Galicia poden acceder ao Boletín Hidrolóxico, no que se amplía a información sobre a evolución dos recursos hídricos no ano hidrolóxico 2016-2017.

Dende Augas de Galicia faise un chamamento a manter a moderación do consumo de auga e o uso responsable deste recurso, dada que a Oficina Técnica da Seca recomenda manter a situación de prealerta por seca, debido ao caudal que presentan os ríos da bacía Galicia-Costa.

2017-06-27 - image_gallery

Anuncios