Anuncios
Ticker de novas

Willem Jakobus disputa en Segovia a súa primeira volta co Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

As roldas por etapas toman o protagonismo no calendario Elite e Sub23 español. Este martes ponse en marcha a Volta Ciclista Segovia, a primeira proba de máis dunha xornada que o surafricano Willem Jakobus Smit vai realizar co Club Ciclista Rías Baixas. A última incorporación do proxecto que preside José Luis Chamorro quere ampliar o sensacional refacho de resultados que asinou en carreiras dun día.

Desde a súa chegada á estrutura do Val Miñor, Willem Jakobus obtivo dúas vitorias, un segundo e un cuarto posto. Catro días de competición bastaron para que este ciclista se convertera nunha das grandes sensacións do campo amateur. Agora busca probarse nunha volta puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.

O seu compatriota Ivan Venter, o madrileño Jaime Guzmán e os galegos Yago López, Daniel Rodríguez e Jon Ander Tomei serán os seus escudeiros en terras segovianas. A escuadra que dirixe Marcos Serrano compartirá pelotón con 21 equipos, entre eles varios dos máis fortes da categoría.

A 55ª edición desta proba arrancará este martes ás 17:00 horas cunha etapa de 125 entre La Lastrilla e Segovia, cun porto de 3ª categoría a 35 kms da chegada. O mércores os corredores percorrerán 122 kms con inicio en San Ildefeonso e final en Torrecaballeros, unha xornada coas subidas a Navacerrada e Navafría, ambas as dúas de 1ª, nos primeiros 60 kms. A volta terminará o xoves con 127 kms, con saída e meta na capital da provincia, nun perfil que presenta tres altos de 3ª.

Anuncios