A Garda Civil denuncia ao Concello de Gondomar por tres sinais de tráfico en galego

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A sinal na entrada do IES Terra de Turonio.

A Garda Civil vén de denunciar ao Concello de Gondomar por tres sinais de tráfico escritos “integramente” en galego. O primeiro, no que se pode ler “Excepto profesorado/persoal e vehículos autorizados”, está colocado na entrada do instituto Terra de Turonio de Gondomar dende a súa inauguración; os outros dous, colocáronse no ano 2007 nos accesos ao Polígono da Pasaxe, coa inscrición “Agás usuarios polígono”.

O alcalde, Paco Ferreira, considérao un ataque á lingua, e recorda que o Estatuto de Autonomía está por encima dunha Lei ordinaria como a Lei de Seguridade Viaria.

Aos seus socios de goberno, Manifesto Miñor, lles sorprende que despois de tantos anos sen ningún tipo de problema, a Garda Civil utilice agora estes sinais como casus belli contra a lingua galega, baseándose nunha lei que menospreza e marxina ás demais linguas oficiais. “A mensaxe que se está a enviar á cidadanía está clara: o galego é unha lingua sen entidade propia, que nin sequera serve para rotular os sinais de tráfico. Xa que logo, só podemos entender esta denuncia no marco de subalternidade da nosa lingua, sempre subordinada ás linguas do poder. Máis unha vez, ponse de manifesto a situación de minorización na que se atopa o galego”.

Dende Manifesto Miñor, expresan o seu rexeitamento ante este novo ataque cara o galego, que poñerán en coñecemento da Mesa Pola Normalización Lingüística, para artellar unha vía de actuación contra unha lei que discrimina a lingua galega.

Tras a denuncia da Garda Civil, Galicia Bilingüe expresou o seu apoio público á denuncia e ofreceu apoio xurídico gratuíto á cidadanía para recorrer as multas que se poidan recibir por non respectar a sinalización.

“Queremos recordar que as indicacións dos carteis denunciados só recollen unha salvedade, unha excepción, ao sinal de “Prohibido o paso”, coñecido e recoñecido internacionalmente. Xa que logo, resultaría incomprensible, cando non cómico, que se alegase descoñecemento da lingua para evitar unha multa por ignorar a sinalización simbólica. O argumentario de Galicia Bilingüe roza o absurdo, pero calquera excusa lles vale para fomentar o desprezo do galego e da nosa cultura”, sinalan desde Manifesto Miñor.

O BNG ve na denuncia un ataque do Estado aos dereitos lingüísticos de Galicia

O Bloque Nacionalista Galego cualifica a denuncia da Garda Civil contra o Concello de Gondomar como un signo máis do ataque sistemático aos dereitos lingüísticos do pobo galego por parte do Estado.

Porque a pesar de que hai máis de 30 anos que existen normas legais que establecen que, en Galicia, o galego ten que estar presente nas diversas sinalizacións públicas, son moitos os exemplos nos que se continúa a excluír maioritariamente o galego: edificios do Estado (as comisarías da Policía Nacional, as delegacións da Axencia Tributaria, os cuarteis da Garda Civil…), da Xunta (hospitais), en concellos, e a maioría das estradas, autovías ou autoestradas.

“Por que nestes casos non se denuncia o incumprimento da lei? Por que a Garda Civil, que incumpre a lexislación ao non utilizar o galego como lingua oficial, denuncia agora cando os sinais levan máis de 10 anos colocados sen que supuxeran ningún problema?”, pregúntase Manuela Rodríguez Pumar, Responsable Local do BNG de Gondomar.

“Resulta evidente que é unha nova acción encamiñada a alimentar o falso debate da imposición do galego, ademais de ser unha mostra de menosprezo á lingua propia e de non recoñecemento da súa oficialidade na Galiza”, engade. “Desde o BNG confiamos en que o goberno de Gondomar manteña unha posición firme na defensa da nosa lingua no concello e ofrecémoslle todo o noso apoio e colaboración nesa empresa”.

Non é a primeira vez que a Garda Civil ten problemas co galego en Gondomar

No ano 2015, a mesma Garda Civil que hoxe denuncia ao Concello por tres carteis de tráfico negouse a atender a un veciño en galego e mesmo se lle instou a que se expresase en castelán, conculcando os seus dereitos lingüísticos e ignorando a obriga da administración de atender á cidadanía na lingua oficial que o desexe. Tanto a Defensora do Pobo do Estado como a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deron a razón ao veciño de Gondomar ao recoñecer que, sen ser obriga, incomprensiblemente, que os axentes da Garda Civil coñezan as linguas oficiais alén do español, os postos de atención deberían estar desempeñados por funcionarios que coñecesen a lingua galega.

Anuncios