A CVG volve reclamar a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá

A Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar (CVG), por acordo da súa asemblea, vén de iniciar unha campaña de recollida de apoios para reclamar ao Alcalde que leve xa a pleno a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Cidadá.

A campaña estará dirixida, por un lado, a recoller o apoio explícito das entidades sociais e veciñais do concello como colectivos, e, por outro, a recoller sinaturas das veciñas e veciños de Gondomar a título individual.

Xa no mes de marzo a Coordinadora presentou unha solicitude dirixida ao Alcalde, Francisco Ferreira, para que incluíra na orde do día do pleno do mes de abril a aprobación definitiva do Regulamento. Como non foi así, o 9 de abril, e tamén por rexistro, solicitaron unha reunión para saber de primeira man cales eran as razóns que o impedían, mais a día de hoxe, tres meses despois, aínda nin respondeu, nin recibiu á Coordinadora.

“Desde a CVG, non cremos que poida haber razóns para que un Alcalde non queira reunirse con representantes do movemento asociativo do seu propio concello. Por esa razón, iniciamos esta campaña, para que sexa a veciñanza de Gondomar a que exerza desde xa a participación veciñal, o dereito das persoas a intervir no proceso de toma de decisións no ámbito local, que constitúe parte inseparable da sociedade democrática”.

Anuncios