Anuncios
Ticker de novas

Iván Roade, segundo na carreira viguesa Nocturna de San Xoán

FOTO: DIFUSION PROSPORT // Roade, Basconcelo e Bargiela.

Ao terceiro intento o vigués Gonzalo Basconcelo (Real Club Celta) sumou o seu primeiro triunfo no Circuíto Run Run Vigo 2017 ao impoñerse cun tempo de 23:24 minutos na Nocturna de San Xoán, a proba pedestre máis tradicional das puntuables para o circuíto municipal pois data de 1984.

Pero a carreira pasará á historia pola vitoria en categoría feminina doutra viguesa, Ester Navarrete (ADAS Proinor), que acabou na vixésima segunda praza (26:29 minutos) e converteuse na primeira muller que gaña a San Xoán tres anos consecutivos este século (2015, 2016 e 2017). Así, dous vigueses triunfaron na noite de San Xoán.

A proba, cunha temperatura máis agradable do que se podía esperar, saía puntual desde Camelias, fronte ao Concello, uns metros por diante da edición anterior. Tras situar aos atletas na pendente, o alcalde, Abel Caballero, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, encabezaba o grupo para facelo avanzar uns metros á posición final de saída, desde a que deu o pistoletazo de comezo.

Na carreira máis rápida do circuíto, uns 700 atletas voaron por Camelias e baixaron con valor por Romil para encarar Pi i Margall. Tal era a velocidade do grupo cabeceiro que os fotógrafos que se foron case á carreira desde Praza do Rei ao Paseo de Alfonso non lograron captar alí aos primeiros. Todos queren gañar a liga municipal, que reparte por igual entre as oito categorías en liza 4.800 euros en premios en metálico.

Roade, vencedor das últimas citas (Beade e As Travesas), era favorito sobre o papel. Pero Basconcelo expúxolle unha perfecta batalla e superouno. Correra a Happy Go Running nas Lagoas Marcosende sendo segundo tras Akka Essadaoui e fixera un gran papel na Vig-Bay (décimo terceiro). Esta vez o mediofondista local levou o primeiro lugar do podio e 500 puntos, co que alcanza o milleiro e aspira ao podio da categoría M-1 na que o nigranés Roade (Bikila), segundo nesta oportunidade (23:29), vai líder destacado con 1.950 puntos, seguido polo pontareano Daniel Bargiela (Bikila), con 1.650. O dominio de Bikila foi bestial: dous de tres prazas de podio.

Na cuarta praza chegaba Rubén Pereira, fantástico (24:27), que libra unha espectacular batalla na categoría M-2, e o olímpico José Carlos Adán rozaba o top ten (undécimo, 25:48).

En mulleres, Navarrete chegaba feliz e pletórica: catro carreiras, catro triunfos. O podio completábano Diana Ruivo (28:48, 70 na xeral) e Sara Lima (29:48, posición 88). A Ester fáltalle unha proba para cumprir co regulamento (é necesario competir en seis) pero xa anuncia que sendo de Vigo vai facer todas as que poida de setembro a decembro.

Un total de 641 corredores (161 mulleres) dos 695 inscritos completaron a carreira, que acabou nun abarrotado Berbés coa esperada “sardiñada”. Agora, o Run Run Vigo tómase unha pausa ata o 10 de setembro coa 10K Xornadas Marisqueiras, no porto pesqueiro.

Anuncios