Inscricións abertas para a V Marcha Cicloturista de Oia

FOTO: CICLISMO OIENSE // Saída da IV Marcha Cicloturista de Oia.

Abertas as inscricións para a “V Marcha Cicloturista de Oia”, que se celebrará o domingo 23 de xullo. Este ano o ciclista guardés Aser Estévez apadriña a marcha. A saída será ás 9 da mañá desde o Mosteiro de Oia e percorreranse 100 kms. neutralizados con 2 tramos libres. O percorrido pasará por Cabo Silleiro, Baredo, Virxe da Rocha, Baiona e A Guarda con subida en tramo libre ao monte Sta. Tecla. Continuará por Camposancos, Novás, Loureza, onde haberá outro tramo libre por Mavia e A Valga, que será o prato forte para os que estean máis en forma do pelotón, pero tamén contará cun tramo alternativo voluntario de menor dificultade por Burgueira para chegar ao avituallamento de Torroña. Unha vez avituallados, renóvase a marcha cara á Portela e A Valga para baixar a Oia e finalizar no campo de fútbol sobre as 13:30 horas.

O prezo da inscrición é de 10 € para os ciclistas federados e de 20 € para os non federados, inclúe a licenza de 1 día, asistencia médica e mecánica, avituallamentos sólidos, líquidos e 1 rifa para o sorteo de diversos agasallos.

Previamente, o sábado, celebrarase a Festa da Bicicleta, onde poden participar persoas de todas as idades. Repartiranse diversos agasallos e haberá inchables para os máis pequenos, coas actuacións dun mago e o grupo Tra-lo Mosteiro. Na cantina poderanse degustar os seus famosos chourizos asados.

O domingo, os acompañantes dos ciclistas poderán gozar dunha actividade paralela para eles, unha Andaina de 10 km. polos barrios da costa de Oia e Pedornes. Ás 14:30 horas terá lugar a comida de fin de marcha no Hotel Glasgow, onde se fará a entrega dos recordos.

Debido a que as prazas son limitadas é necesario realizar a inscrición antes do 21 de Xullo en http://www.magmasports.com.

Organiza: Ciclismo Oiense, coa colaboración do Concello de Oia, Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Ciclismo e diversas firmas comerciais.

+ Info en http://www.ciclismooiense.com e no teléfono – WhatsApp 666 609 410.