Baiona aproba por unanimidade o nomeamento de fillos adoptivos e distincións

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Comisión de Honras e Distincións do Concello de Baiona aprobou este venres por unanimidade o nomeamento de fillos adoptivos e galardóns que recaerán nesta ocasión en Lourenzo Pousa Estévez, Pilar Pulgar, Rafael Lorenzo, Remigio Nieto, Roberto Leyenda e Ricardo Gassent.

Todos os grupos municipais votaron este venres a favor das propostas presentadas polo goberno local para conceder este ano as distincións de Fillo Adoptivo, Carabela de Ouro e Lazo de Honra. O Pleno do 6 de xullo será o que finalmente aprobe os galardóns. Os voceiros municipais coincidiron en resaltar a contribución de todos os premiados á Vila, dende o médico Lorenzo Pousa ata a ex alcaldesa de Palos de la Frontera, o Almirante Rafael Lorenzo, o mestre Remigio Nieto, o costaleiro Roberto Leyenda.

Fillo Adoptivo: Lorenzo Pousa

Lorenzo Pousa Estévez nado en Beade (Ourense) en 1956, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en Medicina Interna e Xeral, exerceu como profesor universitario durante moitos anos na Escola Universitaria de Enfermería, primeiro en Santiago e finalmente en Vigo.

A súa relación profesional con Baiona iníciase o 1 de decembro de 1986, cando adquire a praza de titular de medicina e ingresa como facultativo no Instituto Social da Mariña, onde entraría por primeira vez en contacto directo coa poboación baionesa.

“A súa perseveranza, o seu carácter comprometido coa saúde e o meticuloso desempeño da súa profesión durante anos, fixo que o Doutor Pousa trasladase reiteradamente ao Servizo Galego de Saúde a necesidade dun novo Centro Médico que dese cobertura á demanda existente na crecente localidade. Esta persistencia deu o seu froito cando en pouco máis de 2 anos, concretamente no 2005, o Presidente da Xunta de Galicia por aquel entón D. Manuel Fraga Iribarne, inauguraba o Centro de Saúde dos Tendais nun tempo récord, feito que lle encheu de profunda satisfacción ao ver cumpridas as súas aspiracións para Baiona”, destaca a proposta presentada ante á Comisión de Honras e Distincións de Baiona.

Foi nomeado xefe da Unidade de Asistencia Primaria de Baiona no novo centro inaugurado, contribuíndo á mellora da calidade de vida dos seus pacientes e achegando coñecemento e profesionalidade a todo o equipo de médicos que o compoñen. Entre os anos 2008 e 2016 creou no seu centro de traballo un equipo de ecografía composto por médicos coa intención de que adquirisen a formación teórica e práctica necesaria para a realización das ecografías aos pacientes de todo o Val Miñor que o necesitasen.

Filla Adoptiva a título póstumo: Pilar Pulgar

Pilar Pulgar Frade (Moreda de Aller, 1930-Palos de la Frontera, 2017). Economista, intendente Mercantil, profesora de Ciencias Empresariais no Colexio Universitario da Rábida e directora Administrativa en Caracas (Venezuela) do “Cuerpo de Paz”, fundado pola Administración de John F. Kennedy. O 26 de novembro de 1975 converteuse na primeira alcaldesa de España na democracia, ano no que impulsou o irmandamento de Palos e Baiona, así como a celebración do V Centenario do Descubrimento de América e da Arribada a Baiona.

Carabela de Ouro: Almirante Rafael Lorenzo

Rafael Lorenzo Montero (Madrid, 1939). Foi Axudante de Campo de S.M. Rey Juan Carlos, Xefe e profesor de Comunicacións na ETEA e Secretario do Estado Maior da Armada, entre outros cargos. Estreitamente vinculado a Real Vila desde a súa xuventude, entre 1973 e 78 foi Comodoro do Monte Real Club de Yates e reside en Baíña desde o ano 2003.

Lazo de Honra: Remigio Nieto

Remigio Neto (Salvaterra do Miño, 1936), mestre nacional e licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid. Entre 1960 e 73 desenvolveu un importante labor educativo en Baiona, onde fundou un centro de cultura xeral e dirixiu a Biblioteca Municipal. Especial significado tivo a mostra bibliográfica, documental e artística sobre Baiona celebrada en 1973, como reflexo da cal publica a súa primeira obra, “Contribución a unha bibliografía de Baiona A Real (Vigo, 1973)”.

Lazo de Honra: Roberto Leyenda

Roberto Leyenda Martínez (Baiona, 1947) naceu no seo dunha familia humilde de mariñeiros de Baiona e desempeñou unha longa carreira de mariñeiro en todos os mares do mundo ata que entrou a traballar na factoría de Citroën en Vigo, onde xubilouse. A súa devoción como costaleiro de Baiona comezou no ano 1966 e desde entón “contribuíu de forma altruísta a preservar as nosas tradicións e costumes máis relixiosos e coas súas accións voluntarias e desinteresadas ao longo da súa vida é un exemplo para destacar e recoñecer pola corporación local”.

Lazo de Honra: Ricardo Gassent

Ricardo Gassent Castellano (Valencia, 1941). Profesor fundador da Orquestra Sinfónica de RTVE en 1965 e fundador da Orquestra de Cámara Madrid Berlín en 2005. Músico e compositor, é Premio Nacional, Lazo de la Orden de Isabel la Católica e Corbata de Alfonso X el Sabio. Casado cunha baionesa e residente na Vila, coa remodelación da Rúa Carabela Pinta no ano 2011 e a posta en valor da antiga fonte das monxas así como a creación da Alameda, compón o pasodobre “Baiona A Real, 2011”, obra que decidiu doar ao Concello e a todos os baioneses.

Anuncios