Arranca a campaña promocional “Este Nadal merca en Nigrán”

O Concello de Nigrán, xunto coa asociación de empresarios Ovalmi, arrancaron este sábado ás 12:30 unha nova campaña de promoción do comercio local coa presentación en redes do vídeo #EsteNadalMercaEnNigrán. Ante o éxito nas pasadas festas, o Concello e a entidade repiten esta iniciativa aberta a todos os comerciantes e que inclúe reparto de 8.000 bolsas de papel kraft entre os establecementos, cartalaría, distribución de vinilos para escaparates coa frase #VivoEnNigránComproEnNigrán… Como xa é habitual, os propios tendeiros son os protagonistas de toda a campaña. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en determinadas datas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…

“Repetimos a iniciativa porque estamos nunhas datas onde o consumo é o protagonista e queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, distribución de vinilos para escaparates…

Este novo vídeo, cunha filosofía diferente aos anteriores elaborados desde o Concello, exemplifica como un billete de 50 euros se “multiplica” en cada intercambio de mans veciñas, neste caso pasando por Prado Surf, Pizzería Capone, Librería Paraísos de Papel, Juguetería Vavi, Peixaría da Praza da Ramallosa e Si Bwana, sumando 600 € intercambiados. Deste xeito, seis dependentes de negocios locais participan xunto a Teatro do Ar (dobraxe e personaxes iniciais) nun vídeo con espíritu educativo e de concienciación que remata coas consabidas frases: Compra local e xera riqueza no teu pobo: porque son os teus veciños, porque dan vida ás rúas, porque axudas aos emprendedores e xeras emprego, porque evita maiores desprazamentos e resulta ecolóxico, porque sempre teñen un sorriso de agradecemento, porque ti lles importas.

Igualmente, toda a cartalaría de #EsteNadalMercaEnNigrán está formada polos protagonistas dos vídeos ao respecto lanzados durante todo o ano sumando aos novos comerciantes que se inscribiron para participar: Chupipostres, 4EcoValMiñor, Asante Sana, Óptica Roris, Florería Cupido, Seguros H2K.

“Coa campaña queremos, en definitiva, motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello incluirá actividades de Nadal que dinamicen as rúas e, por suposto, tamén alumeado porque é algo que tamén dá vida ao comercio”, finaliza o alcalde.