A Banda Militar da Brilat de Pontevedra volve a protagonizar mañá a procesión de San Xoán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Tras as multitudinarias fogueiras desta noite do venres en Panxón, o sábado a Banda Militar Brilat de Pontevedra volverá ser a protagonista ao ofrecer por segundo ano un concerto e acompañar á procesión de San Xoán. A banda da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable participa nas principais procesións do país e, sen dúbida, a súa presenza unha vez máis en Nigrán contribuirá a sumar puntos a favor da declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Así, ás 19.00 horas ofrecerá un concerto no porto e tras a misa cantada de San Xoán ás 20.00 horas no Templo Votivo desfilará na procesión. Posteriormente, a verbena estará amenizada por América SL e Bahía.

O domingo 25, Día do Carme, Panxón vivirá outra das xornadas máis esperadas e emotivas do ano coa gran tirada de fogos de luces a cargo de Argimiro Alborés (empresa do municipio galardoada en 2016 cos Premios Nigrán ao mérito empresarial). Este día a festa comeza ás 10.00 horas con pasarrúas a cargo da Unión Musical de Coruxo, pola tarde animación infantil e ás 21.30 horas misa cantada a cargo do coro nigranés Stella Maris no Templo Votivo de Panxón na honra da Virxe do Carme e posterior ofrenda floral no porto e tirada de fogos artificiais. A verbena animaraa Televisión e Iris. Será tamén o domingo un dos días máis especiais para a parroquia, xa que durante a eucaristía homenaxearase a Juan José Durán Domínguez, mariñeiro de Panxón falecido en abril fronte ás costas de Baiona ao caer ao mar enganchado ao aparello, e a Francisco Mariño Crespo, veciño de Panxón que perdeu a vida en abril afogado na praia nigranesa da Madorra. Tradicionalmente, a homenaxe realizábase aos mariñeiros máis lonxevos.

«Toda esta nutrida programación foi posible grazas a unha comisión de festas que se formou só fai tres semanas antes, polo que tiveron que traballar arreo e ao contraxeito para poder organizala e, por suposto, contan co apoio do Concello, quen se encarga de confeccionar as fogueiras», destaca o rexedor, Juan González.