Anuncios
Ticker de novas

Último día de inscripción para el curso de interpretación de planos de calderería

O Concello de Nigrán organiza un curso de “Interpretación de Planos de Calderería” dirixido prioritariamente a persoas paradas empadroadas no municipio e que posúan formación e/ou experiencia previa acreditable nesta rama técnica (soldadura e/ou calderería). Precisamente, dende os servizos técnicos do Concello se deseña esta acción formativa a tenor da alta porcentaxe de inserción que se acadou cos dos cursos de soldadura organizados dende o Concello, o que confirma a demanda actual da industria neste eido e polo que se pretende adaptar a man de obra dos veciños desempregados ás posibles ofertas laborais. O Concello inviste 3.600 euros nesta acción formativa que non terá ningún custe para o alumnado, polo que supón unha inmellorable ocasión de ampliar o currículo e, con elo, a empregabilidade.

O curso oferta 15 prazas, reservarase un máximo de 6 para persoas inscritas en mellora de emprego. Terá unha duración de 50 horas e ten previsto o inicio o 10 de xullo, estando aberto o prazo de inscrición do 19 ao 26 de xuño. As persoas interesadas en participar deben presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia e enquisa de selección que estará a súa disposición no Departamento de Desenvolvemento Local de Nigrán, no Centro Antena e no Departamento de Información do Concello, e achegando a documentación que se indica en dita solicitude. As persoas que posúan a acreditación dixital correspondente, tamén poderán inscribirse mediante a plataforma da “Sede Electrónica” do Concello de Nigrán.

Unha vez presentada toda a documentación, e tras comprobar o cumprimento dos requisitos mínimos establecidos nesta convocatoria, os aspirantes serán convocados á realización dunha proba obrigatoria elaborada pola empresa docente, (se anunciará nos distintos taboleiros municipais, estando prevista inicialmente para o martes, 4 de xullo, en instalacións municipais).

Para ampliar esta información, pódese contactar co Departamento de Desenvolvemento Local, no 986-365000 (extensión 7) ou formular as súas preguntas a través dos correos electrónicos tle.nigran@nigran.org ou orlaboral@nigran.org indicando sempre un teléfono de contacto.

O Concello de Nigrán, na súa política de fomento do emprego, continúa a planificar novas accións formativas que se irán desenvolvendo ao longo deste ano e que se irán anunciando a medida que estean pechadas.

Anuncios