Anuncios
Ticker de novas

O piragüismo volve ao Náutico de Panxón

As directivas do Club Náutico de Panxón e do Club Piragüismo Val Miñor alcanzaron un acordo de colaboración que permitirá continuar coa promoción do piragüismo no Val Miñor. A renovada aposta do Náutico de Panxón polos deportes náuticos suma de novo ao piragüismo na súa oferta de actividades formativas e recreativas.

Foi o Náutico de Panxón o que no ano 2000 abriu as portas ao piragüismo no Val Miñor da man de Enrique Prendes como vogal de deportes. Unha intensa actividade organizativa co kaiak de mar como referente acompañaron eses primeiros anos ata a constitución do Club Piragüismo Val Miñor en maio de 2003. Agora 14 anos despois o piragüismo volve cobrar o protagonismo que se merece na oferta de actividades do club náutico de Nigrán.

O acordo alcanzado incorpora ao equipo técnico do Club Piragüismo Val Miñor ao grupo de monitores do Club Náutico de Panxón para o verán 2017. Un grupo de mozos monitores pero con gran experiencia na formación de piragüistas miñoranos. Tamén os socios presentes e pasados do Club Piragüismo Val Miñor poderán facerse socios do Náutico de Panxón con importantes descontos. Os cursos de iniciación ao piragüismo para nenos, as rutas guiadas, o campus de piragüismo Antía Loira e o centro de probas Kailua, trasladarán o seu escenario, ata agora na sede do CPVM no Complexo Deportivo Municipal Dunas de Gaifar, ao Náutico de Panxón, e volverán así a formar parte da oferta cultural, formativa e deportiva do verán miñorano.

A xunta directiva do Club Náutico de Panxón renova así a súa aposta polos deportes náuticos con este acordo alcanzado o pasado venres 16 de xullo en reunión celebrada polos directivos do Club Náutico de Panxón José Pernas (Tesoureiro), Javier Alonso (Secretario) e Alberto de la Cerda (Comodoro) con Prendes en representación do CPVM. No marco do convenio o Club Náutico de Panxón incorpora á súa directiva ao director técnico do CPVM, Héctor Fernández, como vogal de piragüismo e o ex presidente do CPVM e recentemente nomeado Director de Márketing da European Canoe Association, Enrique Prendes, súmase ao proxecto como asesor de comunicación e imaxe do Club Náutico de Panxón.

No anterior período de tempo no que Prendes formou parte da directiva do Náutico de Panxón (2000-2002) o club organizou 3 edicións da Concentración a Cíes en Kaiak de Mar ‘Costa Serena’ e outras 3 edicións da Travesía Nigrán-Baiona en Kaiak de Mar de competición, que na edición de 2002 rendeu homenaxe ao por entón máximo medallista olímpico español con 3 preseas olímpicas o asturiano Herminio Menéndez. Unha tradición olímpica que o CPVM continuou coa visita a Nigrán en 2004 o cinco veces medallista olímpico David Cal, dos Campións Olímpicos en Pequín 2008 Saúl Craviotto e Carlos Pérez e en 2016 de dous novos Campións Olímpicos en Río, o galego Cristian Toro e o mallorquino Marcus Cooper Walz.

En 2013 o CPVM nos actos de celebración do 10º aniversario puido render a merecida homenaxe ao Club Náutico de Panxón polo seu protagonismo na orixe da promoción do piragüismo no Val Miñor, celebrando unha mesa redonda destinada a repasar a evolución e posibilidades de futuro da vertente recreativa do piragüismo, o kaiak de mar, no Val Miñor. Nese mesmo acto o alcalde Alberto Valverde entregou á internacional do CPVM Antía Loira os patróns enmarcados da licra coa que converteu en 2010 ao slalom miñorano en internacional. Ese mesmo ano Xabier Etxaniz, adestrador da Campioa Olímpica Maialen Chourraut, tamén estivo en Panxón. E máis recentemente, en maio de 2016 o olímpico balear Sete Benavides e o seu adestrador Kiko Martín visitaron as instalacións do Náutico de Panxón recibidos polo Comodoro do Náutico de Panxón Alberto da Cerda.

Anuncios