Anuncios
Ticker de novas

Manifesto Miñor: “Só pola vía da legalidade poderemos facer da nosa praza un espazo competitivo”

FOTO: MANIFESTO MIÑOR

En relación coas declaracións do PSOE a respecto da non concorrencia ás subvencións da Xunta de Galicia para mellorar a Praza de Abastos, nas que o alcalde descarga a culpa no concelleiro de Comercio de Gondomar, Xosé Antón Araúxo, desde Manifesto Miñor queren aclarar varias cuestións:

– En primeiro lugar, queremos expresar máis unha vez o noso apoio ao traballo rigoroso do concelleiro e reiterar a nosa confianza no seu traballo e no proceso de licitación de postos da Praza de Abastos aberto e transparente. Non debemos esquecer que Xosé Antón Araúxo foi o concelleiro máis comprometido co bo funcionamento da Praza de Abastos dende sempre: dende que se responsabilizou da Concellería de Comercio leva propoñendo iniciativas novidosas para dinamizar ese espazo municipal, cunha actitude sempre proactiva e colaborativa cos praceiros. Sabemos que os cambios poden facerse difíciles, pero é preciso poñer da parte de todos para mudar a situación da praza e poder conseguir financiamento abondo para novos proxectos.

– En segundo lugar, o PSOE obvia na súa nota de prensa as condicións que se establecen na convocatoria e a documentación que cómpre achegar. Para ser beneficiario dunha destas axudas hai que elaborar unha memoria da situación da praza na que se especifique a ordenanza reguladora e outros aspectos relativos a ocupación, produtos, variedade da oferta, etc. (Artigo 4, apartado 3.1, e).

Evidentemente, non é posible realizar a devandita memoria dado o incumprimento sistemático da ordenanza reguladora da Praza de Abastos de Gondomar. Dende o noso punto de vista, parece máis apropiado desenvolver, nun primeiro momento, o proceso de licitación de postos recollida na propia ordenanza e, a continuación, coordinar cos praceiros un plan de actuación para concorrer ás axudas da Xunta. A regularización do réxime de ocupación dos postos da praza de Gondomar vía concurso público dá respaldo ao concello sobre quen son os titulares dos postos, quen ocupa cada un dos espazos, que produtos se ofertan e, en última instancia, de que se cumpre escrupulosamente a legalidade; só deste modo poderíamos ter solicitado a axuda para mercados sen selo de excelencia con plenas garantías, só pola vía da legalidade poderemos facer da nosa praza un espazo competitivo en calquera convocatoria. En calquera caso, no noso comunicado de onte comentamos polo miúdo os aspectos que poderían ser subvencionables no caso de Gondomar e os aspectos que son obxecto de valoración.

Queremos entender que a nota de prensa non foi escrita con mala fe ou con ánimo de desprestixiar o labor de quen está traballando honestamente por Gondomar. Xa que logo, gustaríanos que, do mesmo xeito que o grupo do PSOE pediu desculpas públicas por descualificar o anterior concelleiro de Comercio, faga o propio co actual concelleiro.

-En terceiro lugar, convén matizar que a liña de axudas para mercados sen categoría de excelencia ás que podería concorrer a praza de Gondomar teñen que se destinar, nunha parte importante, a cuestións relacionadas coa innovación na presentación dos produtos e novas formas de comercialización, punto de información a clientes, márketing e identidade corporativa. O ano pasado, o concelleiro mantivo sucesivas xuntanzas coas praceiras e cos praceiros a fin de deseñar unha estratexia de actuación neste senso, para ir artellando fórmulas que facilitasen a presentación da solicitude unha vez se puxese en orde a praza. Daquela, os comerciantes da praza de abastos non viron oportuno desenvolver ningunha destas accións, polo que tampouco o concelleiro viu necesario desenvolver unhas actuacións de costas aos principais interesados. Dende logo, resulta urxente que novas persoas, con ideas modernas e novidosas, accedan aos postos baleiros, a fin de organizar unha asociación de praceiros que contribúa, en positivo, á dinamización do comercio local.

-En cuarto e último lugar, insistimos en que a paralización da licitación afecta, fundamentalmente, ás persoas que tiñan intención de ocupar un dos postos da praza de abastos; pero, ademais, a “suspensión cautelar”, realizada polo Sr. Alcalde afecta tamén a praceiras e praceiros, porque o incumprimento da propia ordenanza non permite que poidamos chegar a conseguir subvencións para mellorar este espazo municipal. De todos os xeitos, se o Sr. Alcalde e o PSOE de Gondomar consideran que a licitación era “irregular”, deberían telo advertido antes de asinar as bases do concurso e, en todo caso, propoñer unha alternativa. De momento, seguimos co proceso parado e sen alternativa ningunha.

Dende Manifesto Miñor só queremos traballar pola veciñanza gondomarense; xa que logo, demandamos que o Sr. Alcalde deixe traballar aos nosos compañeiros e que abandone esa actitude desprezativa cara a xestión dos concelleiros do noso grupo. A desautorización pública dun compañeiro do goberno sen motivo e con formas pouco amigables non é o camiño.

Anuncios