As tradicionais fogueiras inician este venres as festas de Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este venres 23 de xuño arrancan as festas de San Xoán e a Virxe do Carme na parroquia mariñeira de Panxón. Ás 10:00 da mañá haberá un pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e pola noite, a verbena estará amenizada polas agrupacións Claxxon e La Favorita. Ás 00:00 horas darán comezo as tradicionais fogueiras, coas que se celebrará o inicio do verán.

O sábado 24 o programa comezará de novo ás 10:00 da mañá cun percorrido por Panxón da Charanga OT. Ás 19:00 horas a Banda Militar Brillat de Pontevedra ofrecerá un concerto, e ás 20:00 horas terá lugar a Misa Solemne na honra de San Xoán. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda Militar Brillat de Pontevedra, e chegada a noite, a verbena estará amenizada polas agrupacións América SL e Bahía.

O domingo 25 ás 11:00 da mañá a Banda Unión Musical de Coruxo ofrecerá un pasarrúas, e ás 12:00 do mediodía un concerto. Desde as 17:00 ata as 19:00 horas haberá animación infantil e as 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Stella Maris de Priegue. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda Unión Musical de Coruxo, coa tradicional ofrenda ao mar no porto e a gran tirada de fogos artificiais. As agrupacións Televisión e Iris poñerán a nota musical á verbena fin de festa.