A paralización da licitación de postos da Praza de Abastos impide a Gondomar recibir subvencións

Ter paralizado o proceso de adxudicación de postos na Praza de Abastos, impide que Gondomar poida recibir subvencións “para seguir avanzando na consecución de novos estándares de calidade para ter un mercado de excelencia”, sinala Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio e Turismo.

Na convocatoria de subvencións para os Concellos, publicada no DOG o 27 de abril, establece requisitos que non pode cumprir pola paralización arbitraria do proceso de adxudicación de postos da Praza de Abastos. A Xunta ofertaba 700.000€ na convocatoria do 2017.

Das dúas liñas de subvención abertas unha é para mercados de excelencia dos que Gondomar está lonxe de acadar os criterios de calidade requiridos.

“De non ter suspendido o proceso de adxudicación, Gondomar podería ter aumentado a porcentaxe de ocupación da praza, e diversificado a súa oferta, tal como se establece para obter o Selo de Concello ou Mercado de Excelencia”, afirma Araúxo.

Para poder acceder á segunda liña a situación de ocupación parcial, interinidade, incerteza legal non permite establecer cos titulares provisorios un plan global de actuacións consensuadas en interiorismo, implantación de novos sistemas de comercialización, información ao consumidor, utilización de redes sociais, mellorar a presentación…

“Dentro da desexable articulación social, organización sectorial e procura de autonomía de acción sería desexable que se constituísen asociacións de persoas praceiras, ou cooperativas de persoas praceiras que mesmo poderían acceder directamente a subvencións”, engade o concelleiro.

O Concello de Gondomar debe abordar segundo Araúxo urxentemente a modernización e innovación da súa Praza de Abastos. Incrementar o seu atractivo, procurar a diferenciación e a súa identificación coa calidade e o prestixio.

Non é fácil conseguir o Selo de Excelencia, moitos son os requisitos avaliables: ocupación, diversificación, calidade do produto, homoxenización da vestimenta, accesibilidade, interiorismo, postos informativos, condicións hixiénico sanitarias, xestión dos residuos, iluminación, climatización, limpeza, estado das cámaras frigoríficas, embalaxes, etiquetados, transporte público, existencia de asociacións de praceiros, existencia de mecanismos sancionadores, medidas activas para os postos vacantes, degustacións, ofertas do día, páxina web, aceptación de encargos, información dos produtos…

“Os veciños de Gondomar merecen un Mercado de Excelencia. Para conseguilo é urxente dispor do paraugas legal (Interruptus por orde da Alcaldía) que permita poñerse a traballar conxuntamente coa totalidade dos praceiros definitivos nun Plan Executivo que inclúa compromisos a curto, medio e longo prazo”.

“Sen soporte legal, nin poderemos acceder a subvencións, nin melloraremos substancialmente a calidade dos servizos da Praza de Abastos, nin a modernizaremos, nin innovaremos de acordo coas novas tendencias e hábitos de compra actuais que permitan consolidar, no tempo, a nosa praza”, conclúe o concelleiro de Comercio e Turismo.

Anuncios