Anuncios
Ticker de novas

Baiona acolle por terceiro ano consecutivo a Copa Mahou Galicia F7 Cup

Presentación da Copa Mahou Galicia F7 Cup.

Despois do final da tempada regular, a Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017 entra en escena. Este próximo fin de semana, os mellores equipos da competición loitarán en Baiona polo título de campión galego de fútbol 7 nunha dobre xornada de fútbol, festa e diversión. As boas sensacións experimentadas durante todo o ano terán a súa culminación na cita que por terceiro ano consecutivo celebrarase na Real Vila.

Dobre xornada

No deportivo, o formato de competición non cambiará respecto da pasada edición, fóra da creación dunha fase previa na que competirán catro equipos de diferentes cidades de Galicia (Lugo, Ferrol, Santiago e Pontevedra) convidados pola organización, que loitarán por unha praza na fase de grupos. Estes catro conxuntos serán os primeiros en saltar ao terreo de xogo, marcando o inicio da cita o sábado 17 de xuño ás 11 horas. Tras a finalización da fase previa, procederase a realizar o sorteo de grupos e, a partir de aí, os xogadores volverán saltar ao terreo de xogo ás 15 horas. Despois de que se complete a fase de grupos, será cara ás 21 horas cando coñeceremos aos catro clasificados para a fase de eliminatorias que, en formato de semifinais e final, acabará coroando na mañá do domingo ao mellor equipo de fútbol 7 de Galicia.

De toda Galicia

En total, serán quince os equipos que compitan na Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017. Á marxe do mencionados catro integrantes da fase previa, chegarán protagonistas desde as tres sedes da competición dispostos a deixar o pavillón ben alto. A Coruña será a sede con maior representación, xa que a Vippter-La Plaza, Abica Colines e Avery Dennison United, conxuntos clasificados pola vía deportiva, uníronse Vector ITC Group e Recreativo de Juerga como gañadores de LaLiga Fantasy Galicia F7 Cup e do Reto Fitbit, respectivamente.

Pola súa banda, desde Vigo acudirán Telmo Peluqueros, Atlas Bus e Petit Rojo como gañadores dos diferentes torneos disputados durante a tempada. Tamén lles acompañará Damalim, cuxa condición de finalista da Copa Galicia F7 Cup na sede viguesa valeulle para ser repescado ante a baixa de última hora de Los Caimanes. O conxunto ourensán non reuniu os efectivos suficientes para acudir a Baiona e non poderá acompañar a A Adega-Wences 2 e Arisa, que quedan como únicos representantes de Ourense. A sorte está botada, agora só pode quedar un.

Presentación do evento

Horas antes de que o balón rode no Campo do Aral de Baiona por terceiro ano consecutivo, a Copa Mahou Galicia F7 Cup 2017 celebrou a súa presentación oficial dando o pistoletazo de saída a unha dobre xornada de fútbol. O Hotel Talaso Atlántico, hotel oficial do evento, foi o centro de reunión para organizadores, partners e participantes na posta de longo dunha competición que reunirá a quince equipos chegados desde toda a xeografía galega para loitar por facerse co título de campión autonómico de fútbol 7.

Jose Vidal, director de Áurea 5, empresa propietaria da marca Galicia F7 Cup, abriu o acto de presentación dando a benvida a todos os asistentes e patrocinadores da cita, para despois deixar constancia da evolución e crecemento da marca, que por primeira vez vai contar na súa Fase Final con equipos das sete cidades máis importantes de Galicia.

Pola súa banda, Salvador Alonso, xefe de vendas e hostalería de Mahou no sur de Galicia, tomou a palabra para reafirmar o seu compromiso co fútbol profesional e amateur e, en concreto, coa Galicia F7 Cup no seu evento de final de tempada no que a marca é a principal protagonista.

Gonzalo Davila, director de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, quixo agradecer a sensibilidade da Galicia F7 Cup polo seu arranxo na posta en marcha dunha iniciativa solidaria relacionada co proxecto téxtil que a súa entidade iniciará proximamente. A continuación, Miguel González, director comercial do Hotel Talaso Atlántico, mostrou a súa gratitude cara á Galicia F7 Cup pola elección do Talaso Atlántico como hotel oficial da competición, ao mesmo tempo que puxo á disposición de todos os participantes da Copa Mahou Galicia F7 Cup os servizos de restauración, aloxamento, talasoterapia e recuperación física tan necesarios na actividade diaria dun deportista. Por último, Jorge Fortes, director deportivo do Colexio Montecastelo, sede viguesa da Galicia F7 Cup, quixo transmitir á marca o seu compromiso e continuidade durante os próximos anos ofrecendo ao usuario vigués unha maneira diferente de facer as cousas no deporte amateur.

Tras a foto de familia que inmortalizou o acto, todo quedou preparado para que mañá a partir das 11 horas comece a acción.

COPA MAHOU GALICIA F7 CUP EN BAIONA

Anuncios