O Pavillón de Panxón será accesible tamén desde o punto de vista cognitivo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O grupo de traballo “Un Nigrán para todos” visitou onte o Pavillón Municipal de Panxón co obxectivo de coñecer de primeira man a remodelación feita para eliminar todas as barreiras físicas e, ao mesmo tempo, comezar o estudo e deseño da súa nova sinaléctica, de xeito que sexa accesible tamén dende o punto de vista cognitivo.

«As obras no pavillón están practicamente concluídas e por iso agora é o momento de analizar e deseñar a nova sinaléctica, de xeito que sexa unha instalación accesible dende todo punto de vista: físico e cognitivo. O noso obxectivo tamén é eliminar as barreiras sensoriais que impiden o acceso á información a través dos sentidos ou as barreiras cognitivas que impiden a comprensión do entorno e os seus elementos», explica o alcalde, Juan González. Así, para unha persoa con discapacidade intelectual, frecuentemente as iconas resultan moi confusas (moitas veces é case imposible para eles descifrar cal baño é para cada sexo). «A falta de accesibilidade na discapacidade intelectual é a gran esquecida porque tradicionalmente se pensa nas barreiras físicas, que están máis claramente lexisladas», resume o alcalde.

Concello de Nigrán e o Centro de Educación Especial Juan María, en Parada, son os impulsores de “Un Nigrán para todos”, un proxecto pioneiro en Galicia destinado a promover a inclusión e mellorar a accesibilidade no municipio a través dun equipo de traballo integrado por especialistas en diferentes eidos e que acaba de ampliarse coa incorporación da avogada Fina Barreiro, a educadora Marina Vidal, a adestradora deportiva Núria Gómez, o bombeiro Pablo Lemos e a experta en linguaxe de signos Miriam Aller. Súmanse, por tanto, ao grupo inicial formado dende 2015 polo alcalde de Nigrán, Juan González; Jacinto Lareo, profesor de dereito administrativo na facultade de Dereito de Vigo; Alfonso Correa, arquitecto; Patricia Troncoso, terapeuta; Alberto González e María José Santos, especialistas do Centro Juan María; e o usuario do Centro Juan María David García.