Anuncios
Ticker de novas

Baiona abre as portas á creación da maior área deportiva da provincia en Baredo

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Reunión da Xunta de Goberno de Baiona, este xoves, para a aprobación inicial do Plan Especial.

A Xunta de Goberno do Concello de Baiona deu este xoves o visto bo inicial ao Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras que permitirá no futuro desenvolver na parroquia de Baredo a maior área deportiva da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de Galicia.

O documento aprobado polo equipo de goberno de Baiona foi redactado durante os últimos meses pola UTE de empresas González Souto y Luque, Aseguinolaza y Asociados. “As principais características do plan están marcadas por rigorosos e exhaustivos criterios medioambientais no que se fai especial mención na protección dos recursos hídricos da zona, pero sobre todo é unha folla de ruta para ordenar a zona e garantir que non se verá afectado o noso patrimonio”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.

O ámbito ao que afecta o documento comprende un total de 675.000 metros cadrados, o que suporía a creación dunha das principais áreas deportivas de Galicia. Entre as dotacións que se inclúen no plan estarían un centro e escola hípica que acollería os curros, un campo de golf, actividades deportivas aéreas, un centro social, piscina, ximnasio, pistas de tenis, pádel… “Trátase dun documento de desenvolvemento urbanístico, non construtivo, co que traballar no futuro”, explica a concelleira Ana Simóns.

A empresa redactora fixa como unha das prioridades a creación dun sistema de bolsas de captación de auga da chuvia e o seu almacenamento para abastecer o complexo deportivo, de forma que garante, tal e como solicitaba o Concello, a protección de todos os recursos hídricos da zona. A protección paisaxística tamén está recollida cun informe medioambiental moi exhaustivo para asegurar o máxima respecto.

Tras a aprobación inicial en Xunta de Goberno, o Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras será sometido durante dous meses a exposición pública para recibir alegacións e solicitar informes sectoriais. Posteriormente, a Xunta de Goberno deberá dar a súa aprobación provisional e será o Pleno Municipal o que votará a aprobación definitiva.

Anuncios