Anuncios
Ticker de novas

Gondomar convoca o I Concurso de Embelecemento de Balcóns, Ventás e Fachadas

A Concellería de Turismo e Comercio de Gondomar convoca o I Concurso de Embelecemento de Balcóns, Ventás e Fachadas, co obxectivo de engadir un plus de atractivo ás rúas da vila.

Mediante este concurso preténdese poñer en valor os beneficios estético-ambientais da recuperación dos balcóns e ventás como elementos vivos da Vila, “porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha contribución cidadá á mellora estética dunha rúa ou dun edificio, á mellora da calidade ambiental e, sobre todo, á mellora da relación veciño/contorna urbana a través dunha persoal achega artística que podemos desfrutar todos e todas, tanto veciños/as como turistas”, sinala Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Turismo e Comercio.

Poderá participar no concurso toda persoa propietaria ou arrendataria de vivenda con balcón ou ventá que reúna as condicións necesarias para ser decorado, sen que a actividade decorativa supoña un perigo para a integridade da persoa mesma nin das persoas viandantes. Asemade, a ventá ou balcón e fachada obxecto de decoración deberá atoparse dentro do Casco Urbano de Gondomar.

As inscricións deberán realizarse segundo modelo normalizado (Anexo I, Folla de inscrición) no Rexistro do Concello. A data límite de inscrición será o día 9 de xullo. Facilitarase un distintivo (lazo azul con número) a cada participante, que deberá ser exhibido nun lugar visible en todos os balcóns/ventás que participen.

Desenvolvemento do concurso

O concurso celebrarase durante o mes de xullo, período no cal o Xurado realizará visitas periódicas.

Os elementos utilizados para a ornamentación dos balcóns e fachadas déixanse á libre elección dos veciños e das veciñas, pero sempre respectando as vías, as beirarrúas e as entradas ás vivendas doutros veciños/as. Deberá estar perfectamente amarrado á estrutura do balcón calquera elemento colgante que puidese precipitarse por efecto do vento, sen que a súa localización poña en risco a seguridade. En todo caso, a persoa responsable inscrita no concurso farase responsable de calquera accidente orixinado pola caída dalgún elemento ou parte deste á vía pública.

Os balcóns e fachadas terán que estar engalanados antes do día 10 de xullo. Os balcóns ou ventás ou fachadas deberán permanecer adornados ata o día 31 de xullo de 2017.

O xurado valorará a orixinalidade e creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía do conxunto e o deseño, a laboriosidade, a perdurabilidade e o uso de materiais reutilizados en accesorios, tanto en ornamenta floral, coma non floral.

Darase a opción á votación popular, que suporá o 60% da valoración final de cada balcón participante. A votación popular estará aberta do 15 de xullo ao 31 de xullo. As votacións populares realizaranse mediante sistema telemático na páxina web do concello, https://concellodegondomar.gal/es/19-concellerias/comercio/406-concurso-de-embelecemento-de-balcons-ou-ventas-e-fachadas-da-vila-de-gondomar. Cada persoa interesada en votar poderá facelo unha única vez.

As persoas integrantes do xurado non poderán participar no concurso. O fallo do xurado será inapelable e mesmo poderá declarar deserto o concurso se así o considera oportuno.

Entre as persoas votantes sortearase un premio que consistirá nunha cea para dúas persoas no carismático Ardora. O sorteo do premio realizarase durante a entrega de premios.

O premio ao mellor balcón ou ventá será unha cea para dúas persoas no emblemático Pazo da Escola de Gondomar e o premio a mellor fachada será un felpudo personalizado.

Anuncios