Anuncios
Ticker de novas

Nigrán adhírese ao proxecto de divulgación científica “Ciudad Ciencia”

O Concello de Nigrán vén de adherirse a “Ciudad Ciencia”, un proxecto de divulgación científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Obra Social “la Caixa” cuxo fin é que os habitantes de localidades de tamaño medio coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica de xeito ameno e sinxelo. Nigrán pasa a formar parte, deste xeito, da corentena de municipios de toda a península que dende marzo de 2012 se foron unindo a este proxecto.

“A partir dunha serie de indicadores territoriais, educativos, sociais e culturais seleccionaron Nigrán como candidata a formar parte deste rede de “Ciudad Ciencia” e aceptamos inmediatamente a proposta ao tratarse dunha oportunidade única de promover entre a veciñanza o interese pola Ciencia, Tecnoloxía e Innovación”, resume o alcalde, Juan González.

“Ciudad Ciencia” achegará actividades de divulgación científica en múltiples formatos (exposicións, conferencias, visitas a centros de investigación, etc.) que se incorporan á programación cultural e educativa de Nigrán, así como unha gran variedade de obradoiros creados por investigadores do CSIC que poderán ser presenciais ou online. Ademais, haberá actividades que faciliten a interacción e o diálogo cos científicos e as científicas (charlas, clubs de lectura, talleres, etc.) e sempre que sexa posible, a programación tratará de responder ás demandas que os veciños fagan chegar ao proxecto a través do Concello.

“Ciudad Ciencia” implica realización de accións especificamente dirixidas a estudantes de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional, que se desenvolven tanto en centros de ensino como noutros escenarios (visitas guiadas a centros de investigación, teatro científico, obradoiros, etc.). Neste ámbito, unha das estratexias é apostar por proxectos que implican ao alumnado ao longo de varios momentos do curso escolar.

Algúns dos obradoiros presenciais que se desenvolven tratan temas como a astrobioloxía ou a violencia de xénero e outros poñen a proba a capacidade degustativa ou olfativa dos participantes por medio da realización de catas. Pola contra, os obradoiros online abarcan diversas temáticas e permiten aos cidadáns elaborar un mapa das plantas da súa cidade ou facer unha horta onde aprender, a través do método científico, conceptos de agricultura sustentable.

“A formación científica da que se impregne a veciñanza de seguro que posteriormente terá repercusións moi positivas non só na carreira laboral e estilo de vida dos participantes avezados, se non no propio coñecemento e posta en valor da nosa contorna”, sintetiza o rexedor.

Anuncios