Máis de 120 escolares de Nigrán participaron no primeiro Colebasket

FOTO: CB NIGRÁN

O Club Baloncesto Nigrán organizou este sábado a primeira edición de Colebasket, un pequeno torneo no que participaron escolares de entre 3 e 12 anos de todos os colexios de Nigrán. Máis de 120 escolares dos centros educativos Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Mallón e Panxón déronse cita no Pavillón do CPI para gozar dunha mañá de baloncesto.

Habilitáronse 4 pistas de xogo nas que os máis pequenos disputaron partidillos ao longo das dúas horas que durou a concentración, ao final da cal tivo lugar a clausura, na que a organización entregou un pequeno obsequio a cada un dos nenos participantes así como aos directores dos colexios e representantes das Anpas tamén presentes. Ao evento asistiron ademais o alcalde de Nigrán, Juan González, e o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán.

Desde a directiva de club queren agradecer aos directores dos centros, ás Anpas e aos profesores, especialmente aos especialistas en educación física, a implicación na organización deste evento e a gran dinamización levada a cabo nos colexios para conseguir que esta primeira edición fose un rotundo éxito.

Trátase da primeira edición dun Colebasket que queren instaurar en Nigrán como un evento escolar que dea paso ás vacacións de verán e no que xa acordaron co Concello de Nigrán organizar a II edición.

Anuncios