Anuncios
Ticker de novas

Caíno achega a súa obra poética e pictórica ás aulas do Covaterreña

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Caíno e os alumnos do CPI Covaterreña.

Os alumnos do CPI Covaterreña de Baiona homenaxearon este venres ao poeta e pintor local Claudio Vasconcellos, máis coñecido como Caíno. Pola mañá, celebrouse no Salón de Actos do centro a I Xornada Poética “Enredando Verbas”, organizada polo alumnado de 5º A, e que contou coa participación de Francisco Álvarez “Koki”, Anxo Ratel, Trini Puentes e o propio Caíno.

Durante o acto presentaron o libro “Baiona en rimas”, que recolle os poemas feitos polos alumnos con Baiona como protagonista, ilustrados con fotografías da vila sacadas por eles mesmos, todo confeccionado con traballo individual pero sobre todo con moito traballo de equipo.

Xa pola tarde, inaugurouse a exposición “Caíno, pintor da alma na mirada dos nenos e nenas de Baiona”, organizada polo alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, composta de pezas propias e pezas orixinais do autor, no que se basean as obras dos escolares. A mostra permanecerá ata o domingo na Capitanía Marítima.

Os alumnos, de entre 8 e 12 anos, traballaron arreo desde febreiro na elaboración destas obras, contando cos consellos do propio Caíno, que visitou en varias ocasións o centro para axudar aos nenos e nenas.

Tamén hai que salientar o esforzo e dedicación das titoras, Mercedes Coto, Esperanza Paniagua e Sonia Silva, que levaron adiante este proxecto, sendo capaces de implicar ao alumnado, estimulándoo con esta iniciativa.

Anuncios