Anuncios
Ticker de novas

A Deputación destina preto de 10.000 € á Confraría de Baiona para gastos de persoal e investimentos

O Goberno de Carmela Silva vén de aprobar a relación de axudas, por valor de 200.000 €, para confrarías de pescadoras e pescadores da provincia de Pontevedra. No caso do sur da provincia de Pontevedra, estas achegas, que permitirán afrontar gastos de persoal e impulsar novos investimentos, benefician con 52.632,78 € a cinco entidades pertencentes aos concellos de Baiona, A Guarda, Redondela, Soutomaior e Vigo.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción ao ver que “este ano se beneficiaron das achegas tres entidades máis que o pasado ano, cando foron 18 as confrarías que optaron ás axudas”. Tamén indicou Silva a dobre vertente das achegas que, como novidade, este ano conta cunha liña, por valor de 100.000 €, para gastos de persoal, e outra, polo mesmo importe, para novos investimentos.

Máis polo miúdo, a través da liña de investimentos cinco entidades poderán adquirir equipos informáticos, material e lanchas de vixilancia, mobles, caixas, motores, equipamentos de oficina, material de lonxa, aparellos, substitucións de pantaláns, clasificadoras de moluscos,, etc. En concreto, a Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona, a de Santa Tegra da Guarda e San Xoán de Redondela recibirán 4.738 € cada unha. A Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Soutomaior beneficiarase de 7.641,78 € e a de San Francisco de Vigo de 3.948 €.

Na liña de gastos de persoal as achegas diríxense ás mesmas entidades. Así, a Confraría “La Anunciada” de Baiona, a de Santa Tegra da Guarda e San Xoán de Redondela recibirán 4.878 € cada unha. A Confraría Virxe do Carme de Soutomaior beneficiarase de 8.130 € e a de San Francisco de Vigo de 4.065 €.

Anuncios