Anuncios
Ticker de novas

Escolares do CRA Antía Cal de Gondomar visitan a exposición de viñetas de Francesco Tonucci

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // O grupo de escolares do CRA Antía Cal de Gondomar.

A exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato” que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci encara xa a súa recta final. O último día para visitala será este domingo día 11 en horario de mañá.

A mostra está a resultar todo un éxito e xa a mediados de maio xa superaba os 4.000 visitantes, cifra na que se contan tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciños e veciñas de Pontevedra e outros concellos contou nestes últimos días coa participación de grupos do CEP Pedro Caselles – Tomiño-, CRA Antía Cal de Gondomar, CEIP Otero Pedrayo de Vigo, CEIP Santa Mariña Becerreira Cabral de Vigo e do CEIP Ceip Plurilingüe de Guillarei, de Tui.

En total, pasarán pola exposición -de xeito concertado- 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país, estando adheridos dez deles ao proxecto “Cidades das nenas e dos nenos” de Francesco Tonucci, que propón que os espazos públicos se deseñen á medida das crianzas para que sexan válidos para o resto dos cidadáns.

A exposición “Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato” fai un percorrido polas viñetas máis representativas de FrancescoTonucci -asinadas co seudónimo de Frato dende hai 50 anos-, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos das crianzas. Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos e obradoiros para que nenos e nenas desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todos os visitantes. O que se busca, principalmente, é a interacción cos visitantes.

As últimas oportunidades para visitar a mostra, que é de balde, serán hoxe de 17 a 20 horas, mañá sábado de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas e o domingo de 11 a 14 horas.

Anuncios