Anuncios
Ticker de novas

As grandes promesas do xadrez danse cita en Nigrán no VI Torneo Dani da Rocha Prol

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Club de Xadrez Laroca, en colaboración co Concello de Nigrán, organiza un ano máis o VI Torneo de Xadrez Dani da Rocha Prol, que terá lugar durante todo o sábado no Pavillón Municipal de Panxón. Centos de mozos xadrecistas participarán nesta competición na que o club nigranés rende homenaxe ao seu compañeiro Dani da Rocha, falecido en 2011. Este ano, como novidade, organízase unha recollida de alimentos voluntaria entre os participantes e acompañantes.

O torneo, pertencente ao XII Circuíto Galego de Xadrez Promoción, congregará as categorías sub-8, 10, 12, 14 e 20 dende as 11.00 horas, sucedéndose as sete roldas ata as 19.40 horas que será a clausura e entrega de premios. Para fomentar a participación, haberá trofeos para os participantes e sorteo de agasallos.

A gran participación neste torneo netamente infantil é unha mostra máis do notable e crecente interese polo xadrez en Galicia. A aparición nos últimos anos de novos clubs e escolas de xadrez que promoven esta disciplina, o incremento da oferta de torneos por todo o territorio e a posibilidade de que o xadrez sexa materia de libre configuración son froito do convencemento dos beneficios que ten a práctica do xadrez na mente de pequenos e maiores. Por todo elo, o Concello séntese especialmente orgulloso de acoller cada ano este evento que rende homenaxe a Dani da Rocha Prol.

Anuncios