Anuncios
Ticker de novas

Alumnos do Covaterreña elaboran animais mariños con refugallos recollidos nas praias

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe luns, 5 de xuño, o alumnado de 3º de ESO do Centro Público Integrado de Covaterreña, en Baiona, deu a coñecer o seu proxecto interdisciplicar titulado “Construíndo novas miradas”.

Consistiu na elaboración de animais mariños (corvo mariño, quenlla, congro, raia, peixe espada e camarón) feitos con materiais de refugallo recollidos nas praias da vila, nas saídas que fixeron aos areais de Os Frades e A Concheira, cos que intentan comunicar sensacións e pensamentos e tamén concienciar sobre a contaminación por plástico, é dicir, a acumulación de produtos de plástico no medio ambiente da súa vila.

As sete pezas volumétricas, que foron realizadas xunto coas profesoras Loreto Raña, de Xeografía e Historia, Natalia López, Bioloxía e Xeoloxía, e Cristina Rodríguez, Educación Plástica e Audiovisual, permanecerán expostas ata o 19 de xuño na Praza de Abastos de Baiona. Á inauguración da mostra, celebrada este luns, asistiu o alcalde, Ángel Rodal, e a Técnica de Medio Ambiente, Sol Alonso.

“Este proxecto interdisciplinar quere remover conciencias e darlle a categoría de arte ao refugallo que se recolleu nas praias, sobre todo artes de pesca, pero tamén outro tipo de refugallo, como volantes, zapatillas, cordaxes. O obxectivo é concienciar que o medio ambiente é o fogar de todos e hai que coidalo”, sinalou Isabel Martínez, directora do centro educativo.

Anuncios