Anuncios
Ticker de novas

75 anos de Adoración Nocturna en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Sección da Adoración Nocturna Española de Baiona celebrou esta semana as súas vodas de diamante con diversos actos que culminaron este sábado cunha Vixilia Eucarística Conmemorativa.

O mércores e o xoves tiveron lugar senllas conferencias na Capitanía Marítima, tituladas “O Venerable Luis de Trelles, fundador da Adoración Nocturna en España”, a cargo de Enrique Caride Iglesias, coordinador da Fundación Luis de Trelles e ex Presidente Diocesano da Adoración Nocturna, impulsor da restauración da Sección de Baiona en 1.974, e “O Carisma da Adoración Nocturna”, impartida por Eugenio Gonzalo Davila, Director de Cáritas Diocesano e ex Presidente Diocesano da Adoración Nocturna. O venres celebrouse un Solemne Funeral polos Adoradores falecidos e fieis defuntos da parroquia.

O sábado, os actos comezaron coa recepción de bandeiras na Capela de Santa Liberata, para a continuación iniciar a procesión e Santo Rosario cara á Igrexa Parroquial. Xa na ex Colexiata, celebrouse unha Solemne Vixilia Eucarística Conmemorativa dos 75 anos da fundación da Sección, presidida polo Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza.

Asistiron membros de, entre outras, as Seccións de Gondomar, Panxón, Guillarei, Salceda de Caselas, Salcidos, Ribadeo, San Paio de Navia, Viveiro, Mondoñedo ou Teo, ademais de boa parte do goberno local, encabezado polo alcalde, Ángel Rodal, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

A procesión eucarística pola Praza de Santa Liberata e a bendición e reserva do Santísimo Sacramento puxo fin ás celebracións.

Pasaron 75 anos desde que o 25 de xuño de 1.942, un grupo de homes de Baiona fundase a Sección da Adoración Nocturna baixo a advocación de San Xosé. Desde aquela noite, con excepción dos anos nos que a Sección estivo en suspenso (mediados dos anos 60 ata 1.974) non deixaron de celebrarse Vixilias Nocturnas de Adoración Eucarística na Vila, e a Sección colabora activamente na vida parroquial.

Na actualidade, a Sección está formada por 16 Adoradores, que se reúnen para celebrar as Vixilias o último venres de cada mes.

Anuncios