Anuncios
Ticker de novas

#RíasBaixasFest enche o “Atlántico Express” de música en directo, cor e gastronomía

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O Atlántico Express, o tren fletado pola Deputación de Pontevedra e Renfe para a viaxe á cidade portuguesa de Porto, foi este sábado o escenario perfecto da campaña de promoción dos Festivais Rías Baixas 2017, que este ano serán 8+1 coa festa final en Cambados. Case 200 persoas da provincia, que esgotaron todas as prazas que saíron a venda, desfrutaron a bordo do tren Celta nun percorrido marcado pola música en directo e a gastronomía das Rías Baixas

A presidenta, Carmela Silva, que estivo acompañada por alcaldes e delegacións de concellos da provincia como Caldas, A Guarda, Vigo e O Grove, cidades que ademais do seu interese turístico albergan algún dos Festivais Rías Baixas, mostrouse convencida da súa aposta. “Sei que isto vai crecer porque na provincia hai unha industria musical e un talento moi potentes. Están a aflorar moitos novos grupos e estou segura que se agora temos un presente sobresaínte, a curto e medio prazo haberá un futuro extraordinario. Estou convencida de que os Festivais Rías Baixas serán un dos auténticos elementos de atracción e visualización dun espazo como Rías Baixas que o ten todo. Todo o que un desexa coñecer, está en Rías Baixas. Hai miles e miles de razón para vir. Temos un paraíso que oferta todo aquilo que podemos soñar”

A novidade deste ano foi a presenza no Atlántico Express dun notable grupo de influencers, blogueiros, twitteros e Instagramers procedentes da provincia, doutras cidades como Oviedo ou Barcelona e de Portugal, que se incorporaron ó tren á volta de Porto, e que pasarán este domingo de visita nas Rías Baixas. Entre os instagramers que fixeron o percorrido, que contan con case medio millón de seguidores e cun promedio entre eles e elas de 10.000 “likes”, asistiron representantes de importantes colectivos de esta Rede Social como os #igersspain #igerspontevedra e #igersvigo. Entre todos eles e elas converteron Rías Baixas en protagonista das Redes Sociais. De feito, a súa chegada á Porto, Silva mantivo un encontro cos instragramers da cidade portuguesa e cos promotores dos RíasBaixasFests na zona da coñecida Torre dos Clérigos. A presidenta da Deputación sinalou que a aposta polas novas canles de comunicación é un feito. “É un público que interésanos moito. As Redes Sociais están transversalmente unidas a eventos como os Festivais e ó ter nesta viaxe xente que ten tanta repercusión e seguidores e moi importante para a promoción de Rías Baixas”

O Atlántico Express contou coas actuacións en directo dos grupos e solistas Basanta, Tincho Fernán, Najla Shami e Mounqup. Todos eles e elas actuarán este verán nalgún dos Festivais Rías Baixas, Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente e Port América (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal Son Estrella Galicia (Illa de San Simón), Son Rías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán) e Vive Nigrán (Nigrán) ademais da festa conxunta que celebrarán en Cambados como peche da campaña por mor do título de Cidade Europea do Viño.

Carmela Silva incidiu que “as cousas que funcionan ben hai que repetilas e melloralas como fixemos este ano. O ano pasado os visitantes portugueses foron moitos máis que outros anos e, polo tanto, este tipo de iniciativas teñen retornos. Ademais, os Festivais son o fío condutor, pero témolo todo, gastronomía, un produto envexable, seis rutas do Camiño Portugués a Santiago, que ademais albergan festivais, e a excelencia nos servizos ós turistas”

Ademais da música en directo, os viaxeiros e as viaxeiras puideron desgustar a bordo do tren dunha excelente oferta de produtos gastronómicos, tradicionais, orgánicos e ecolóxicos de varias comarcas da provincia como os queixos da Queixería Cobideza que ademais foron servidos pola mestra queixeira Berta González, marmeladas ecolóxicas da man de “Amorodo”, roscóns de Caldas e da Guarda e caldos albariños da bodega do Salnés “Pazo de Villarei”.

A promoción dos #RíasBaixasFests seguirá este domingo. Blogueiros e instagramers percorrerán diferentes lugares da provincia como Vigo, Pontevedra, Bueu, Caldas ou Cambados para reflectir a nosa provincia nas Redes Sociais.

Anuncios