Anuncios
Ticker de novas

A segunda edición das Depoandainas ofrece 1.500 prazas gratuítas para realizar 5 rutas pola provincia

FOTO: TURISMO.GAL

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a posta en marcha da segunda edición das “Depoandainas”, un programa que ofrece 1.500 prazas gratuítas para realizar cinco rutas pola provincia de Pontevedra. As rutas seleccionadas para este año percorrerán A Illa de Arousa e O Carreirón (18 de xuño), o sendeiro natural da Pastora-Umia en Cambados (9 de xullo), Vilaboa e as Illas Cíes (10 de setembro), o Camiño de Santiago entre Tui e O Porriño (24 de setembro) e Soutomaior (15 de outubro).

Carmela Silva manifestou a importancia destas rutas que teñen por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e o territorio, as actividades ao aire libre, e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra. O ano pasado, tal e como asegurou a Presidenta provincial, “rexistramos un cheo absoluto, esgotando todas as prazas e cunha longa lista de espera, por iso preparamos unha nova edición con importantes melloras”.

Máis polo miúdo Silva manifestou que este ano se ofertan cinco rutas, unha máis que o pasado ano, que executará a empresa Marexada Deporte Lecer e Cultura S.L. por valor de 18.685 €. Amais, ao haber unha nova ruta, tal e como subliñou a Presidenta da Deputación, “agardamos que participen ata 1.500 persoas, 300 máis que o pasado ano”.

Outra das grandes novidades das “Depoandainas” do 2017 son que xiran arredor dos eixos de promoción turística que a institución provincial está a divulgar este ano. Así, “Cambados, Cidade Europea do Viño” e “Cruzando Camiños” terán protagonismo nestas andainas, xunto ao patrimonio natural e cultural. Amais, cada unha das rutas se completará con actividades paralelas, dende birdwatching e fotografías de aves ata xeocaching medioambiental, obradoiros de identificación de rastros animais e orientación natural, tiro con arco e cintas de slackline.

Este ano, as andainas contarán tamén cunha sección especial dentro da páxina web http://www.depo.es nas que se incluirán fotografías da actividade, información de cada unha das cinco rutas preparadas, formularios e datas de celebración. Tamén haberá un teléfono específico de atención (670.892.307) e o correo electrónico depoandainas@marexada.es.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra informou que as persoas interesadas xa se poden inscribir na primeira “Depoandaina” a partir do 5 de xuño, que terá lugar o 18 de xuño e percorrerá a Illa de Arousa e o Parque Natural do Carreirón. Silva informou que se trata dunha ruta circular de 10 quilómetros con dificultade baixa e unha duración entre 3 e 4 horas durante as cales se pode coñecer o Parque Natural do Carreirón, as praias da Illa, ata chegar á lagoa do Carreirón. Amais, tamén informou a Presidenta provincial que a andaina se completará con actividades paralelas relacionadas co birdwatching e fotografía de aves a través dun obradoiro para a identificación de paxaros, tanto en voo como en terra, e técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.

A segunda ruta terá lugar o 9 de xullo en Cambados, polo sendeiro natural da Pastora-Umia. Neste caso a ruta, tamén circular e de dificultade baixa, percorre 7 quilómetros cunha duración entre 3 e 4 horas atravesando Cambados, as ruínas de Santa Mariña, o Museo Etnográfico do Viño e espazos naturais como o río Umia. A actividade paralela desta ruta consiste no xeocaching medioambiental, é dicir, na realización dun xogo por equipos onde os participantes utilizarán o sistema de xeocaptura para identificar flora, fauna e lugares e conceptos de importancia arquitectónica tradicional, etnográfica e de interese medioambiental.

A terceira ruta terá lugar o 10 de setembro e transcorrerá entre Vilaboa, Cangas e as Illas Cíes. Segundo informou a Presidenta da Deputación, trátase dunha ruta circular de 10 quilómetros e 8 horas de duración que percorre os muíños de Vilaboa, as Salinas do Ulló, e, en Cíes, a ruta do Alto do Príncipe. A actividade paralela desta andaina consistirá nun obradoiro de birdwatching e fotografía de aves.

A cuarta ruta terá lugar o 24 de setembro e transcorrerá polo Camiño Portugués a Santiago entre Tui e O Porriño. Carmela Silva asegurou que se trata dunha ruta circular de dificultade media – baixa, que percorre 10 quilómetros entre 3 e 4 horas. A singularidade desta andaina, segundo explicou Silva, é que as monitoras e monitores irán caracterizados como o Apóstolo Santiago. A actividade paralela desta andaina consistirá nun obradoiro de identificación de rastros animais e de orientación natural, empregando signos e métodos como o do reloxo para orientarse e atopar diferentes balizas con rastros animais, ben sexan pegadas, excrementos, marcaxe territorial en flora e fungos, etc.

A última das rutas será xa o 15 de outubro en Soutomaior. A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que se trata tamén dunha ruta circular de dificultade baixa, de 7,2 quilómetros e 3 horas de duración, na que participará “Pedro Madruga” quen acompañará ao grupo tanto no castelo, coma no xardín botánico e en paraxes do concello de Soutomaior. A actividade paralela nesta andaina consistirá na iniciación ao tiro con arco ademais de cintas de slackline.

As persoas interesadas en participar na primeira andaina, que terá lugar o 18 de xuño polo Carreirón, na Illa de Arousa, poden inscribirse a partir do luns 5 de xuño. O formulario de inscrición atópase na páxina web http://www.depo.es.

Anuncios