Anuncios
Ticker de novas

O sábado continúa a alerta vermella na costa e o aviso laranxa por vento

A Xunta recorda a necesidade de continuar mantendo as máximas precaucións ante a alerta vermella que estará activa de novo desde esta tarde e ata a noite no litoral das provincia de Lugo e da Coruña, e ante o aviso de nivel laranxa por vento en toda comunidade, onde os refachos máximos poderán chegar aos 110 ou 130 quilómetros por hora.

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou desde o 2 de febreiro ás 0,00 horas -co inicio das alertas por temporal- un total de 1.542 incidencias acumuladas.

Desde as 12,00 horas do último parte, ata as 18,00 horas, rexistráronse 500 incidencias, a maioría delas en Pontevedra (219), seguida da Coruña (122), Lugo (98) e Ourense (60).

Outras incidencias salientables da xornada de hoxe foron a caída de árbores e pólas nas estradas, carteis, pancartas, cables de luz, derrubamentos, bolsas de auga, terra e pedras en estradas. Así como varios centros escolares pechados por mor de caída de árbores e tellas. Ademais, varios portos galegos foron afectados por roturas de pantaláns e diques flotantes, así como embarcacións afundidas.

En canto ás incidencias no subministro eléctrico, hai un total de 92, segundo o último informe dispoñible, que afectaron a preto de 60.000 usuarios en toda Galicia, especialmente nas provincias de Coruña e Pontevedra.

Danos nas infraestruturas portuarias

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a avaliar os danos producidos polo temporal nas infraestruturas portuarias que xestiona este ente. Portos de Galicia contabilizaba este mediodía en arredor de 36 os portos afectados polas incidencias, sen que se produciran novidades relevantes nas últimas horas. Os danos están relacionados con roturas de pantaláns e diques flotantes, embarcacións afundidas, desprendementos de chapas e fingers (elementos de amarre de embarcacións) e caída de sinais.

Os portos máis afectados foron fundamentalmente os da provincia de Pontevedra e A Coruña. En Baiona o temporal levantou parte da cuberta do tellado da lonxa e causou danos nos pantaláns.

Incidencias en estradas

Segundo o último parte das estradas galegas, a situación está normalizada, agás no corte da PO-534 en Forcarei, que continuará polo menos ata mañá. Os técnicos de Rede Eléctrica están traballando para solucionar o tránsito.

Na PO-225 tamén se produciu recentemente a caída dunha árbore, pero os medios de conservación xa estaban traballando en solucionar a incidencia. Ademais, no PQ 58 da AC-550 está indicada a circulación con precaución por atoparse sobre a calzada o cable da acometida dunha casa, situación da que xa se deu aviso á compañía eléctrica. A mesma situación de produciuse no PQ 67+500 da LU-633, onde tamén está sinalizada a circulación con precaución e a menor velocidade.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.