Anuncios
Ticker de novas

A oposición impide aprobar a delimitación dos núcleos de Penalba, San Roque e Prado

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O pleno de Gondomar rexeitou este xoves a aprobación da delimitación dos núcleos de Penalba, San Roque e Prado. PP, IxG e CABE abstivéronse, polo que a proposta non saíu adiante ao necesitar 9 votos a favor por imperativo legal.

Dende Manifesto Miñor fan a seguinte valoración:

Onte foi un día triste para ducias de veciños e veciñas de Gondomar que tiñan as súas esperanzas postas, así como os seus proxectos de vida, construír, legalizar ou resolver a hipoteca para poder vender a súa vivenda, e nalgún caso para evitar o derrubamento da mesma, nun acordo plenario da corporación municipal.

Todo iso foi ignorado por unha oposición irresponsable que puxo por diante os seus intereses partidarios e a vinganza política do interese xeral e da obriga de lle solucionar os problemas á xente… outro día nefasto na historia do urbanismo municipal con efectos semellantes á anulación do PXOM de 1997 a escala parroquial.

Efectivamente, a historia repetiuse onte en modo farsa, e con actores que hai uns anos serían impensables. Incomprensiblemente CABE (a esquerda rutpurista!!) votou e compartiu argumentario político cos mesmos responsables da desfeita urbanística de Gondomar que alentaron o transfuguismo e a prevaricación urbanística non hai moito. Pasou no ano 2008 cando a oposición municipal (PP+Tránsfugas do PSOE) botaron abaixo a delimitación de 9 núcleos, entre eles o mesmo de Prado-Morgadáns que foi onte a pleno, argumentando QUE ERAN PROPOSTOS POR UN GOBERNO EN MINORÍA E POR FALTA DE TEMPO PARA VER OS EXPEDIENTES. O mesmo que dixeron onte no pleno… Como poden dicir que non tiveron tempo para ver uns expedientes que levan colgados na Web do Concello hai máis de catro meses?.

A xente de esquerdas de Gondomar non entende esta estraña simbiose, por certo, a mesma que impediu o ano pasado que dous concelleiros do actual goberno puideran traballar en condicións dignas con dúas medias dedicacións exclusivas.

Onte quedou clara unha nova alianza política, con estratexias compartidas (unión temporal de intereses PP+IxG+CABE), que non é outra que desgastar ao goberno municipal aínda que sexa a conta de perder a dignidade e decoro políticos dalgúns dos seus membros. Dende Manifesto Miñor preguntámonos senón sería máis coherente que se poñan de acordo, presenten unha moción de censura, e comezar a traballar cun goberno en maioría xa que iso é o que lles preocupa.

Con todo, o galardón ao desprezo polos veciños da súa propia parroquia, levouno o Presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, Javier Gregores, que como concelleiro de IxG, tivo o atrevemento de votar en contra da delimitación dos núcleos de Prado e San Roque, sen tan sequera abrir a boca para explicar o seu voto. Do PP, era sabido, pois están en contra deste tipo de delimitacións porque agora din que a solución é o PXOM… aínda que despois poñan todos os paus nas rodas para evitar que vaia adiante. O deles é evitar que este goberno poida ter ferramentas urbanísticas que resolvan as graves carencias que temos neste eido.

Por último, dicirlles que se o problema é a falta de tempo para ver os expedientes ou a falta de explicacións técnicas sobre como se delimitaron, terán todo iso e máis. Sabendo como saben que ese traballo foi realizado polos técnicos do Concello da man dos técnicos da propia Dirección Xeral de Urbanismo, e sen ningunha indicación, intromisión, etc. por parte do goberno municipal.

Anuncios