A Barbeira, entre as 25 mellores praias de España

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A praia baionesa da Barbeira vén de ser preseleccionada no ránking dos 25 mellores areais de España por TripAdvisor, o portal de viaxes e turismo máis grande do mundo e de referencia en todo o territorio nacional. A web Niumba, posta en marcha por TripAdvisor en 2013, elixiu á praia da Barbeira para participar na votación anual na busca do mellor areal de España en 2017 e as votacións, que xa están abertas a todos os usuarios, rematarán o vindeiro 25 de xuño.

“Nesta ocasión, damos a oportunidade aos viaxeiros para que voten a súa favorita”, explican dende Niumba. No seu portal definen a praia de Barbeira como “tranquila e de ondada moderada. Sitúase aos pés do Monte Boi, próxima a un pequeno piñeiral e xunto a un club náutico, polo que é zona de fondeo de embarcacións”. A praia da Barbeira xa entrou no mesmo ránking de 2016 entre as 50 mellores de España.

Separada da praia de Ribeira polo baluarte do Cantiño, A Barbeira está orientada ao leste e ten un pequeno piñeiral. Situada xunto ás instalacións do Monte Real Club de Yates e preto do núcleo urbano, ten unha lonxitude de 220 metros e area fina.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) renovou esta ano a súa distinción de bandeira azul á praia de Barbeira. En Baiona tamén recibiron o galardón os areais de Os Frades, A Ribeira e A Concheira, ademais de premiar tamén co mesmo galardón ao Monte Real Club de Yates e ao Porto Deportivo de Baiona. Desta forma a Vila logrou o maior número de areais premiados e por primeira vez na súa historia logra una bandeira azul para A Concheira.

Ligazón para votar a mellor praia de España:
https://blog.niumba.com/2017/05/30/votacion-las-mejores-playas-de-espana-2017/