
Unha importante representación do St. John’s Junior Football Club de Manchester visitou Nigrán no seu 20 Aniversario para convivir, interactuar e practicar o fútbol sala co Panxón Nigrán FS. A iniciativa está enmarcada no proxecto educativo que puxo en marcha o club local desde a súa creación en 2014, coa colaboración, apoio e xestión da academia Active Projects.
O intercambio permitiu a todas as persoas que forman parte do Panxón Nigrán FS, deportistas e familiares, a oportunidade de gozar dunha nova experiencia educativa, formativa e deportiva.
Tras ser recibidos no CPI de Panxón, coa presenza do alcalde, Juan González, e o concelleiro de Deportes, Luís Sanromán, os xogadores e técnicos do St. John’s Junior Football Club compartiron tres días de convivencia nos que ademais de adestramentos conxuntos puideron gozar da contorna, antes de poñer o broche de ouro ao intercambio cunha festa de despedida.