Anuncios
Ticker de novas

Baiona sobe o IBI e o lixo por incumprir a regra de gasto no exercicio 2016

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno municipal de Baiona, do Partido Popular, decidiu no pleno de hoxe, co voto en contra de todos os grupos da oposición, aprobar o plan económico financeiro, ao que estaban obrigados a realizar por incumprir a regra de gasto e a estabilidade orzamentaria no exercicio 2016.

Devandito incumprimento, segundo indica Silvano Montes, portavoz de Esquerda Unida, produciuse por facer caso omiso aos informes de Intervención que advertiron reiteradamente de que a utilización dos remanentes de tesourería para gastos distintos aos contemplados nas distintas leis e regulamentos supoñerían verse abocados ao incumprimento de dicha regra de gasto. Feito este recoñecido na proposta de Alcaldía.

Ante a sorpresa do Grupo Municipal de Esquerda Unida, esta proposta só prevé a regularización co incremento de ingresos vía impostos directos e taxas, e para iso preténdese subir o IBI e a taxa de recollida de residuos urbanos cuxo importe previsto para os dous é de 135.624,34 €, sen contemplar a posibilidade de reducir o gasto nese importe noutros capítulos do orzamento. Montes suxeriu que se diminuíse o gasto en festexos, actividades deportivas e culturais, cuxo orzamento para este ano rolda os 600.000 €.

“Non nos parece de recibo, e así o manifestamos no pleno, que as actuacións derivadas de actos que vulneran as disposicións vixentes con coñecemento de causa e non por erro, teñan que ser reparadas polos veciños cunha subida de impostos e taxas, que non van servir para mellorar os servizos dos veciños, senón para satisfacer a soberbia dun equipo de goberno que demasiadas veces confunde a maioría da que dispoñen no pleno coa disposición partidista das institucións”, conclúe o portavoz de Esquerda Unida.

Anuncios