Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo para que entidades deportivas, culturais, veciñais e festeiras soliciten subvencións

O Concello de Nigrán, a través da súa publicación hoxe no BOP, abre a partir de mañá e durante un mes o prazo para que as entidades deportivas, culturais, veciñais e festeiras do municipio soliciten as axudas municipais correspondentes a este ano 2017.

As novas bases contemplan unha suba no orzamento de 25.000 a 72.000 euros, triplicando nun só ano a partida destinada a estas axudas. Así, auméntase de 1.500 a 2.000 euros a subvención máxima para os que presenten solicitudes para actividades culturais (25.000 euros en total) e eliminase o máximo de tres proxectos subvencionables. Por outra banda, incorpórase á liña de axudas a actividades festeiras as de fomento do asociacionismo (22.000 euros en total). Neste eido, existe un límite de 2.000 euros para as festas parroquiais e 500 para as demais; mentres que para o fomento do asociacionismo se contemplan ate 100 euros polo abastecemento de auga, electricidade 500 euros… (os criterios para establecer a contía dependerán da poboación beneficiarios do proxecto, número de socios, antigüidade da entidade, emprego do galego…). Finalmente, para as actividades de fomento da práctica deportiva (25.000 euros en total) establécese un mínimo de 1.000 euros por entidade solicitante para participar en competicións oficiais (o 60% do orzamento que dispoñan para este efecto) e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias…

“O noso compromiso é de máxima colaboración con todos os colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais e deportivas, por iso apostamos por manter esta liña de axudas ao longo de todo o mandato”, conclúe o rexedor

No 2016 beneficiáronse destas subvencións as 29 entidades solicitantes, sendo requisito indispensable unha vez máis estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello cunha antigüidade mínima de 6 meses con respecto á data da convocatoria.

As axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Subvencións municipais, un imperativo legal que permite ao Concello abrir esta liña de apoio económico.

Anuncios